O entroido chegou á súa fin en Vilalonga. Fíxoo, do mesmo xeito que moitos outros lugares da comarca, máis tarde do previsto polas choivas que obrigaron a aprazar desfiles, festivais e enterros das súas respectivas "mascotas".
Ese foi o caso desta parroquia de Sanxenxo, que demorou ata este venres o Enterro da Cabra.
O cortexo fúnebre, no que participaron centos de persoas, partiu das inmediacións do campo de fútbol de San Pedro e, tras percorrer varios lugares da vila, regresou ao momento de inicio para incinerar ao animal.
Como é habitual, o protagonista deste enterro estaba confeccionado con palla e roupa vella cedida polos veciños.
Nesta ocasión, a cabra ironizaba sobre o pacto de goberno alcanzado polo Partido Popular e SAL, polo que se fixo acompañar dunha gaivota -en relación ao PP- e dunha pita -apelando ao ex alcalde da formación independente-.