Vilagarcía xa ten novo punto de vacinación masiva: a antiga Comandancia de Marina

Pontevedra
09 de novembro 2021

Este novo punto de vacinación poboacional abrirá o vindeiro venres 19 de novembro e terá habilitados cinco puntos de vacinación. Continúa a procura de emprazamento dun novo punto de vacinación poboacional en Pontevedra. O Sergas está a rematar as xestións para concretar á maior brevidade posible un novo lugar co venres 19 no horizonte

Edificio da Autoridade Portuaria de Vilagarcía Concello de Vilagarcía

A procura de novos puntos para a vacinación masiva fronte á covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés avanzou nas últimas horas e xa está fixado o emprazamento de Vilagarcía. Será o lugar proposto polo Concello, o antigo edificio da Comandancia de Marina.

Segundo confirmou a área sanitaria, este novo punto de vacinación poboacional abrirá o vindeiro venres 19 de novembro e terá habilitados cinco puntos de vacinación e un circuíto adaptado de entrada e saída, sen barreiras arquitectónicas, que delimitará os tránsitos conforme aos protocolos de seguridade establecidos pola normativa preventiva covid vixente.

Segundo os cálculos que manexa a área sanitaria, por este novo punto de vacinación poboacional na Comandancia de Marina prevese unha media diaria de entre 600 e 700 pacientes, que recibirán as doses de vacina en sesións de mañá e tarde.

Este punto de vacinación, que vai substituír ao recinto feiral Fexdega, terá unha dotación de seis efectivos, cinco profesionais de Enfermaría e un profesional administrativo.

Por outra banda, continúa a procura de emprazamento dun novo punto de vacinación poboacional en Pontevedra, unha vez que non poderá regresar ao recinto feiral.

Segundo sinala a área sanitaria, o Sergas está a rematar as xestións para concretar á maior brevidade posible un novo punto de vacinación poboacional con activación asistencial tamén a partir do vindeiro venres 19.