Vilagarcía reabre o luns a piscina municipal co horario habitual e un completo protocolo hixiénico sanitario

O Salnés
16 de xuño 2020

Polo momento non haberá actividades dirixidas. A piscina e a sala fitness poderán usarse de xeito individualizado polos usuarios. O centro tomará a temperatura aos usuarios ao chegar, establécese un sentido de circulación, refórzase a limpeza, e mantéñense as distancias de seguridade en vestiarios e duchas

Piscina municipal de Fontecarmoa, en Vilagarcía Serviocio

A piscina municipal de Vilagarcía volverá a estar en funcionamento o luns co horario habitual pero seguindo o completo protocolo de seguridade fronte ao COVID deseñado por Serviocio e que deberá ser cumprido tanto pola concesionaria como polos usuarios que acudan as instalacións.

A partir do 22 de xuño, os usuarios poderán utilizar tanto a piscina como a sala fitness, pero so de xeito individual, posto que, polo momento, non haberá actividades dirixidas (cursiños e clases). Cun aforo máximo do 75%, o centro adoptou unha serie de medidas hixiénico sanitarias para garantir a seguridade de usuarios e traballadores da piscina.

A piscina de Fontecarmoa volve a estar operativa a partir do luns co horario habitual: De luns a venres abrirá de 7 a 23.30 horas, os sábados de 8 a 21 horas e os domingos e festivos de 10 a 13.30 horas. Non se require cita previa.

O persoal do centro tomará a temperatura aos usuarios no momento de chegada ás instalacións. Para garantir a circulación fluída polo interior do edificio e evitar confrontación de persoas, estableceuse unha rota de entrada e saída perfectamente sinalizada con frechas no chan. En todas as dependencias disporase de dispensadores de xel hidroalcohólico para a desinfección de mans.

As distancias en vestiarios, bancos, duchas e incluso máquinas no ximnasio, respectaranse mediante a inhabilitación de determinados espazos co obxecto de garantir o metro e medio de separación interpersoal que esixe a normativa.

Os usuarios da sala fitness terán obrigatoriamente que levar dúas toallas. Unha para limparse o suor e outra para colocar nas máquinas que vaia utilizando. Ademais, cada usuario terá que encargarse de limpar o material ao rematar cada uso, para o cal o centro proporciona pulverizadores con líquido desinfectante.

O servizo de limpeza refórzase en todas as instalacións.