Vilagarcía ofrécese a acoller refuxiados afgáns

O Salnés
19 de agosto 2021

O Concello de Vilagarcía xa colaborou nunha campaña humanitaria similar en setembro de 2015, cando se desatou o conflito bélico en Siria propiciou a dramática fuxida en masa cara Europa de milleiros de familias

Nenos en Kabul (Afganistán) Fotografía de chillervirus en Pixabay

O Concello de Vilagarcía de Arousa informa de que está disposto a acoller os refuxiados afgáns que están a fuxir do seu país ante o avance dos talibáns e a marcha das forzas militares estadounidenses.

Fontes municipais explican que, para a posta en práctica desta medida humanitaria, o Concello dispón dunha vivenda e recursos propios para acoller e dar cobertura a estas persoas. O sistema será similar ao do piso municipal de acollida que o Concello xestiona a través de Cruz Vermella e polo que, dende a súa posta en marcha en maio de 2017, pasaron 44 persoas (15 familias) de diferentes nacionalidades que contaban con protección internacional.

Esta non é a primeira vez que o Concello de Vilagarcía se propón como municipio acolledor para refuxiados internacionais, posto que xa o fixera en setembro de 2015 cando o conflito bélico en Siria propiciou a dramática fuxida en masa cara Europa de milleiros de familias.

Neste caso de emerxencia en Afganistán, o Concello conta coa experiencia do funcionamento do convenio de colaboración asinado con Cruz Vermella que, ademais de xestionar o piso municipal, tamén se encarga de proporcionar a estas persoas os recursos e as ferramentas necesarias para que poidan integrarse social e laboralmente.

Deste xeito, o Concello pon o piso e financia os gastos e a organización social cubre as necesidades básicas dos destinatarios do programa e préstalles atención social individualizada do tipo de alfabetización e aprendizaxe do castelán, acompañamento para a obtención de documentación e elaboración dun itinerario de inserción socio-laboral.