Vilagarcía aproba o proxecto de demolición da Comandancia co obxecto de adiantar a licitación da obra

O Salnés
12 de outubro 2022

O presuposto da actuación ascende 249.000 euros a financiar cunha partida de fondos propios xa reservada e con parte dos remanentes de 2021. Xa se están preparando os pregos para sacar os traballos a contratación

Edificio da Autoridade Portuaria de Vilagarcía Concello de Vilagarcía

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía aprobou o proxecto básico e de execución para os traballos de demolición do edificio da Comandancia co obxecto de deixar libre a parcela da avenida da Mariña na que se construirá o novo centro de saúde. A actuación está presupostada en 249.691 euros e, dado que xa se dispón dos fondos para o seu financiamento, o Concello porá en marcha de inmediato o procedemento para licitar a obra coa finalidade de poñer a parcela a disposición da Xunta de Galicia para que axilice a construción da esperada infraestrutura sanitaria.

Ademais do proxecto básico e de execución, o arquitecto José María Millán tamén redactou o estudo de saúde e será el que asuma a dirección da execución e coordinación de seguridade e saúde durante a demolición. Segundo se estima no expediente, a superficie a demoler acada os 2.907 metros cadrados, mentres que volume estrutural suma os 9.011 metros cadrados.

Con este novo trámite, o executivo do alcalde Alberto Varela "dá un novo paso para conseguir que Vilagarcía dispoña do centro de saúde amplo e moderno que ven demandando dende hai décadas", indica o Concello nun comunicado. Para chegar a este punto antes foi preciso poñer de acordo ás tres administracións implicadas (Concello, Autoridade Portuaria, e Consellería de Sanidade). Esta posta en común materializouse coa firma dun protocolo a tres bandas e con acordos como a adquisición por parte do Concello da parcela titularidade do Porto por importe de 1.157.406 euros, e o compromiso do Sergas a redactar o proxecto e financiar a construción e dotación do novo centro de saúde. De forma simultánea se tramitou e aprobou en Pleno o cambio de uso do solar da Comandancia, que pasou de ter unha cualificación no PXOM de"outros equipamentos" a contar co uso específico de "equipamento sanitario".

O novo centro de saúde modernizará e ampliará os servizos existentes ata o de agora no ambulatorio de San Roque. De feito, as instalacións da avenida da Mariña contarán cunha superficie algo superior aos 5.000 metros cadrados, duplicando á que ten o edificio de San Roque. Esta maior dispoñibilidade de espazo permitirá habilitar novas dependencias e crear novos servizos, o que tamén implicará un aumento de profesionais sanitarios.

O Plan Funcional do Sergas recolle que as futuras instalacións da Avenida da Mariña incrementarán en 3 as consultas de medicina xeral (ata sumar 17), en 4 as de enfermería (que tamén serán 17, de xeito que cada médico teña servizo de enfermería propio), en 1 as de pediatría (ata 5) e en 2 as de enfermería pediátrica (que tamén chegan a 5, unha por pediatra). O novo centro permitirá contar con sala de illamento e cunha sala pediátrica para nebulizacións.

Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia), que no actual centro tiñan unha única consulta, e aumentaranse tamén outro tipo de instalacións como as salas de reanimación e observación da área de urxencias, as salas técnicas, as salas polivalentes e as consultas de docencia.