A evolución das licenzas urbanísticas en Vilagarcía amosan, segundo destaca o goberno municipal, unha evolución "tímida pero constante" do sector da construción que se iniciou tras superar os momentos máis duros da pandemia, en 2022.
O balance da Xerencia de Urbanismo recolle que durante 2024 concedéronse 179 licenzas de obra maior, 12 máis que no ano 2023 e 7 máis que no 2022. En canto ás licenzas de obra menor, no 2024 foron 781 (776 en 2023 e 715 en 2022).
Pola súa banda, os permisos de actividade tamén medraron: 71 en 2024 fronte aos 67 do ano pasado (en 2022 foran máis, 78, coincidindo coa recuperación da economía tras a pandemia).
As obras "maiores" son as que se corresponden coa construción de edificios comunitarios e de vivendas unifamiliares, muros de contención ou adaptación de baixos,
En 2024 houbo un maior peso dos edificios comunitarios fronte ás vivendas unifamiliares, que foron as que nos últimos anos concentraron a maior parte das licenzas maiores; "un signo inequívoco de que o sector da construción comeza a levantar cabeza", afirma o Concello.
Polo que respecta ás obras "menores", o ritmo de crecemento tamén é constante. Trátase de canalizacións de auga e saneamento, cambios de cuberta ou ventás, entre outras.
Tamén se nota un sensible incremento das solicitudes de instalacións de placas fotovoltaicas.
Precisamente polas propias características deste tipo de obras, o maior número de licenzas concéntranse nos meses con mellor tempo, entre maio e outubro.
As licenzas de primeira ocupación e de actividades amosan tamén esa recuperación, 15 no primeiro caso e 71 na segunda.
No caso das terrazas de hostalería, despois da alza de 2022 (17 permisos), no 2024 volveu aos números normais: nove novas licenzas, fronte ás cinco do 2023.