Vilaboa homenaxeará este 8M a 'Celita' Janeiro, a muller que levou a alta costura á vila

Vilaboa
06 de marzo 2025
Actualizado: 17:26

A Casa de Cultura de Riomaior acollerá este sábado, ás 19:00 horas, a entrega a 'Celita' deste premio, co que se homenaxea as mulleres anónimas que contribuíron á dinamización de Vilaboa

'Celita' Janeiro, homenaxeada en Vilaboa polo 8M
'Celita' Janeiro, homenaxeada en Vilaboa polo 8M Concello de Vilaboa

"Ir de Celita" era garantía en Vilaboa de contar cun bo traxe. Pero non só iso. A actividade profesional de Celia Janeiro Currás como costureira era todo un acto social. De aí que Vilaboa pensara nela para distinguila co Premio 8M que o Concello entrega desde hai tres anos.

A Casa de Cultura de Riomaior acollerá este sábado, ás 19:00 horas, a entrega a 'Celita' deste premio, co que se homenaxea as mulleres anónimas que co seu quefacer diario facilitaron a incorporación da poboación feminina no rural ao desenvolvemento e dinamización de Vilaboa.

En tempos nos que a alta costura estaba reservada para familias privilexiadas, esta muller de Figueirido fíxose un oco na sociedade pontevedresa. Celia Janeiro pode presumir de ter utilizado fío e agulla con tanto arte e destreza que nunca lle faltou clientela esixente.

O seu gusto pola moda levouna a dirixir o que hoxe sería unha academia de corte e confección.

Nos tempos de 'Celita', era un taller polo que pasaron centenares de mozas de Vilaboa dispostas a aprender un oficio artesanal que en moitos casos lles facilitou un medio de vida compatible coa conciliación familiar.

Esta muller emprendedora e decidida estivo á fronte durante anos da súa propia tenda de telas nas Galerías Oliva en Pontevedra, converténdose nun referente no seu momento debido á diversidade de xéneros que traballaba e sobre todo á calidade da materia prima que ofrecía.

Ademais, no seu taller reuníanse mulleres de distintos lugares que, mentres cosían ou se vestían, compartían experiencias, aconsellábanse e dábanse ás nas súas roupas e nas súas vidas.

A homenaxeada nesta edición é tamén unha persoa activa na construción da vida cultural e social de Figueirido.

Instigadora nalgúns casos e colaboradora noutros, 'Celita' formou parte do histórico grupo de activistas que participou na loita contra a empacadora e contribuíu na creación do coro de San Andrés de Figueirido e do grupo infantil de baile galego.

Ese espírito inquedo e ese sentido de comunidade continúan hoxe en día a pleno rendemento, xa que a súa constancia favoreceu que toda a veciñanza de Figueirido desfrute das clases de memoria e pilates.

O acto de entrega do premio comezará con vídeo sobre a homenaxeada, que recibirá unha escultura da colección 'Muller das Salinas', obra de Irene Silva Xiráldez, que representa unha figura feminina erguida cunha pá para achandar o sal na man.

Tras a entrega, a tarde continuará con música e teatro. A mestra de guitarra da Escola de Música de Vilaboa Elena Almudena López-Rubio Asensio interpretará tres pezas e a continuación, ás 20:00 horas, porase en escena unha obra de teatro sobre Rosalía de Castro.