O final da primeira fase do acondicionamento integral do parque infantil do Canaval, en Figueirido, inclúe a posta en marcha dunha tirolesa cunha altura de caída de 1.58 metros, o primeiro elemento de xogo destas características instalado en Vilaboa e que o alcalde, César Poza, xa adianta que non será o único.
Tras recibir os traballos, o resultado foi inspeccionado polo propio rexedor e pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa.
Desde hai xa varios días rapaces de entre 4 e 14 anos gozan dunha tirolesa dobre que conta cunha plataforma de saída que facilita a diversión ás persoas usuarias de menor altura.
A tirolesa completa de momento unha área de encontro infantil que conta con algúns outros elementos de xogos pero que pronto se verá completada cunha segunda fase, na que o proxecto recolle a construción dunha pista multideporte de 20x10, composta por estrutura en aceiro inoxidable, frontais de protección, porterías con dimensións regulamentarias, rede de barrotes antivandálicos de tubos de aceiro inoxidable, altura das canastras con dimensión regulamentaria de 3,05 metros e accesible a través das porterías con longo apto para cadeiras de rodas.
E haberá unha terceira fase para finalizar o acondicionamento deste parque, que o dotará de zona de aparcamento e mesmo dun auditorio, convertendo a contorna nun punto de encontro social para toda a parroquia de Figueirido.
O Concello de Vilaboa comezou o ano pasado co acondicionamento de dúas parcelas nas que se asenta o parque do Canaval; unha de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel de Fontequente, no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade.
Esta superficie é unha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos no que deseñou unha gran área de esparexemento social con espazos adaptados a todas as idades e que se irá acometendo por fases; e unha segunda parcela que é de titularidade municipal.
O goberno local traballa tamén nun proxecto de remodelación do parque de Riomaior.