Vilaboa disporá de 15 illas de reciclaxe integrais

Vilaboa
13 de febreiro 2020

Habilitaranse 15 depósitos de estruturante para que os 1.200 fogares con composteiros individuais dispoñan de material leñoso co que misturar os seus biorresiduos para compostalos

Un avó axuda o seu neto a tirar un envase ao colector amarelo Ecoembes

O Plan Revitaliza da Deputación terá parte protagonista nas novas 15 illas de reciclaxe integrais que se habilitarán no Concello de Vilaboa.

Serán lugares de referencia para depositar as diferentes fraccións dos residuos domiciliarios (envases lixeiros, vidro, papel, roupa, aceites, pilas e outros materiais que se recollerán cun punto limpo móbil), e contarán tamén cun depósito de estruturante no que as persoas usuarias dos 1.200 composteiros individuais repartidos na vila poidan coller o material leñoso co que misturar os seus biorresiduos para compostalos.

Todas aquelas persoas que teñan excedentes de poda ou madeiras poden depositalas no Punto Verde de recollida no Monte do Cabalo, onde deixalas gratuitamente cumprindo así a dobre función de non colapsar os colectores verdes ordinarios e de achegar material leñoso para que despois o Concello o convirta en estruturante para compostar.

REUNIÓN VECIÑAL

Co fin de explicar estas e outras cuestións relativas á compostaxe, á reciclaxe en xeral e ás novas 15 áreas de reciclaxe integrál que se habilitarán en Vilaboa, o vindeiro domingo ás 12 da mañán na casa da cultura de Riomaior celebrarase unha charla informativa na que estará persoal do Plan Revitaliza e tamén do Concello.

Hai que lembrar que en Vilaboa lévanse repartidos dende 2017 uns 1.200 composteiros domésticos e téñense feito 2.797 visitas de seguimento a domicilio para comprobar o correcto funcionamento e resolver dúbidas da veciñanza.