VIDEO.- Se bico un mozo que fumou un porro dou positivo no test de drogas?

Poio
08 de maio 2017

Estas preguntas e outras tantas igual de interesantes fixéronse este luns na xornada práctica de educación viaria desenvolvida na explanada da Seca. Estaba dirixida a 150 mozos do IES de Poio e do colexio SEK-Atlántico, que en moi pouco tempo cumprirán os 18 anos, a maioría de idade que lles permite sacar o carné para poñerse ao volante dun coche

Clase de Educación Vial en Poio PontevedraViva

"Se bico a un mozo que fumou un porro dou positivo no test de drogas? E se na miña pandilla están a fumar e eu respiro o fume? Con canto calimocho dou positivo?".

Estas preguntas e outras tantas igual de interesantes fixéronse este luns na xornada práctica de educación viaria desenvolvida na explanada da Seca. Estaba dirixida a 150 mozos do IES de Poio e do colexio SEK-Atlántico, que en moi pouco tempo cumprirán os 18 anos, a maioría de idade que lles permite sacar o carné para poñerse ao volante dun coche.

Esta xornada práctica de educación viaria forma parte dun programa de sensibilización viaria en accidentes de tráfico para estudantes dos centros educativos do municipio de Poio e están organizadas de forma conxunta pola Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra, o Subsector de Tráfico, o Concello de Poio e a súa Policía Local cuxo xefe, Antonio Duarte, lembrou que "o obxectivo é concienciar aos mozos para reducir o número de sinistros viarios".

Xunto a esta clase práctica, posteriormente, este mes, terá lugar unha sesión teórica nas aulas dos dous centros.

Na sesión práctica, axentes do Subsector de Tráfico de Pontevedra e persoal da Xefatura de Tráfico mostraron aos mozos o funcionamento do radar con exercicios prácticos reais e comprobaron o funcionamento dos test de drogas, mentres a Policía Local explicaba aos mozos o funcionamento dos etilómetros. Os rapaces animáronse a realizar o test e trasladar todas as súas dúbidas sobre os diferentes equipos de control e vixilancia do tráfico. Así mesmo, o helicóptero Pegasus da DXT tamén aterrou na zona e os mozos puideron coñecelo por dentro. 

Ata o recinto da Seca acudiron a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz; a xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje; o xefe accidental do subsector de Tráfico, Miguel Trillo; o alcalde do municipio, Luciano Sobral e o xefe da Policía Local, Antonio Duarte.

A xefa provincial de Tráfico subliñou a necesidade de que os mozos coñezan as consecuencias físicas, psíquicas e sociais derivadas do consumo das distintas drogas e alcol. María Isabel Alonso de Linaje considera que este tipo de iniciativas contribúen a desenvolver unha actitude positiva e de respecto cara aos que non realizan actividades de risco.

Ademais axudan a promover unha actitude crítica fronte á presión grupal que se vive a estas idades como factor favorecedor do inicio no consumo de drogas e alcol.

Pola súa banda, o alcalde de Poio valorou que a educación viaria contribúe a adquirir coñecementos e pautas de actuación para a redución de riscos.

Se non a sabían ésta é a resposta: No caso dun home duns 70 quilos de peso abonda con que bebese dúas cervexas ou unha copa e media de viño para que, nun control de alcoholemia, presente unha taxa de entre 0,25 e 0,50 mg/l en aire expirado. Para unha muller duns 60 quilos, unha cervexa ou unha copa e media de viño bastarán para alcanzar esa mesma taxa de alcol. E un non da positivo bicar a alguén que veña de fumar un porro.