O Pazo da Cultura acolleu este luns 28 de febreiro a primeira das xornadas de Murgas do Entroido 2022, un esperado regreso para unha das citas preferidas dos pontevedreses no se Entroido.
A inscrición de só catro agrupacións (Val do Lérez, Murga do Naveiro, Los PTV e Equipo Ja) fixo que se reducisen de tres a dous os días do concurso, estando prevista a actuación de todos os grupos nas dúas xornadas.
Iso non restou un chisco de diversión, bo humor e crítica local nunhas coplas que tiveron entre as súas protagonistas máis repetidas a compra do convento de Santa Clara por parte do Concello de Pontevedra, a pandemia e tamén o Benidorm Fest e a música das Tanxugueiras.
Val do Lérez foron os primeiros en saír ao escenario, vestidos de ovellas porque "somos o rebaño inmunizado da Galiza profunda, vimos aquí esta noite que xa temos inmunidade de rebaño", sinalaron. "Santa Clara xa é de el, o noso amigo Miguel fixo un trato coas clarisas, Santa Clara ten poder mira que bonita é, e el que nunca foi a misa. Agora que gastou os cartos caramba, regaloullo a Carmela caramba, é máis difícil visitalo caramba, que no médico te atendan caramba", rezaba unha das súas coplas máis aplaudidas.
A Murga do Naveiro tomou a testemuña sen saír da cama pola covid, aínda que "a xente pensa esto e un horror e o positivo marqueino con rotulador", cantaban entre risas. Ademais, a ritmo de C.Tangana acordáronse dun tema actual como a factura eléctrica. "Tiven que vender un riñón para pagar a factura, o da luz é unha locura. Aproveitaron o Nadal para subir a factura, tiven que comer verduras".
Tras eles Los PTV, vestidos como as monxas clarisas do convento pontevedrés, tras escenificar a compra por parte do alcalde, terminaron por chegar "a Benidorm, agardamos do xurado que nos voten a favor, que nos voten a favor, que nos voten por favor", cantaron a ritmo das Tanxugueiras e a súa canción Terra que optou a ir a Eurovisión.
Por último os pregoeiros do Entroido 2022, o Equipo Ja, optou por vestirse de santos para cantarlle ao botellón, á factura da luz ou a outra polémica local como a situación do deporte base durante a pandemia. "Non deixabas duchas nin vestiarios na Xunqueira pola covid. Nos prohibes entrar nos campos, e o rapaz xogou desde fóra o vin. Botácheslle ao covid toda a culpa, á Xunta e aos clubs menos a ti, desapareciches, o bulto ti escurriches", sinalaba a crítica cara ao edil de Deportes.
Con eles daba por terminada a primeira xornada do XXX Consurso de Murgas, que vivirá o seu gran final o vindeiro xoves 3 de marzo no Pazo da Cultura (21.00 horas) cos mesmos protagonistas, nunha orde que por sorteo será: Val do Lérez - Los PTV - Murga do Naveiro, Equipo Ja.