VÍDEO.- Pontevedra, a polo turista do norte de España e Portugal coa campaña #VuelvoaPontevedra

Pontevedra
01 de xullo 2020

#VuelvoaPontevedra. É a etiqueta baixo a que o Concello de Pontevedra lanzou unha nova campaña para incentivar o turismo de proximidade. O obxectivo é potenciar a imaxe da cidade e atraer á Boa Vila a visitantes chegados desde o norte de España e de Portugal

Vídeo da campaña #VuelvoaPontevedra Concello de Pontevedra

#VuelvoaPontevedra. É a etiqueta baixo a que o Concello de Pontevedra lanzou unha nova campaña para incentivar o turismo de proximidade. O obxectivo é potenciar a imaxe da cidade e atraer á Boa Vila a visitantes chegados desde o norte de España e de Portugal.

Por iso, o goberno municipal, a través do organismo Visit Pontevedra, quixo que o arranque da campaña coincidira co 1 de xullo, data prevista para a reapertura das fronteiras entre España e Portugal tras a crise provocada pola pandemia da COVID-19.

Esta iniciativa, que inclúe un vídeo promocional e o sorteo de dous bonos de dúas noites en establecementos turísticos da cidade, vai dirixida a visitantes que xa coñecen o destino e están a unha distancia de catro ou cinco horas da cidade en coche ou outros transportes terrestres.

"Queremos transformar aos fans do destino Pontevedra en embaixadores da nosa marca e impulsar a recuperación económica do sector a través dun turismo o máis seguro posible", explica a edil de Promoción económica e Turismo, Yoya Blanco.

De aí que Pontevedra busque atraer visitantes procedentes de rexións cunha situación epidemiolóxica semellante: persoas de Asturias, Cantabria, Castela e León e o norte de Portugal, de entre 20 e 50 anos e que están interesadas en Galicia ou son viaxeiros frecuentes.

A campaña #VuelvoaPontevedra traducirase na difusión dun vídeo publicitario dun minuto e medio de duración, titulado ‘¿Recuerdas?’ e no que se exhiben imaxes de prazas, terrazas, festas, gastronomía, aloxamentos, restaurantes e vida da cidade, así como nun sorteo a través das redes sociais cun sinxelo cuestionario sobre os recursos turísticos do concello. 

Todos aqueles que queiran participar poderán facelo ata o vindeiro 15 de xullo.

A difusión destas accións de promoción turística desenvolverase a través das redes sociais municipais e mediante alianzas con blogueiros especializados, markéting electrónico, publicidade online e referencias en páxinas relacionadas con turismo, gastronomía e eventos.

Yoya Blanco está "convencida" de que esta campaña axudará a incrementar as vendas directas e indirectas do sector turístico pontevedrés, multiplicará o tráfico interactivo nas distintas canles de comunicación de Turismo de Pontevedra e noutros sitios de interese e potenciará a comunidade dixital "que fala da nosa cidade".