VÍDEO.- Os internos da Lama agradecen con aplausos o traballo da Brilat para desinfectar o centro

A Lama
08 de abril 2020

A Compañía  NBQ (Nuclear, Bacteriolóxica e Química) da Brigada desprazouse ata o penal pontevedrés este mércores, despois de que o luns militares da Brigada realizasen unha primeira visita de recoñecemento, e limparon a fondo con produtos específicos o interior e o exterior das instalacións.   

Aplausos dos internos da Lama aos militares da Brilat PontevedraViva

Un longo aplauso de agradecemento acompañou este mércores aos militares da Brigada Galicia VII, Brilat, durante parte do seu traballo de desinfección realizado no centro penal da Lama. Os internos do penal pontevedrés quixeron, desta forma, darlle as grazas por unha tarefa que saben que é crucial para evitar que os positivos por coronavirus cheguen ás instalacións.

A Compañía NBQ (Nuclear, Bacteriolóxica e Química) da Brilat desprazouse ata o penal pontevedrés este mércores, despois de que o luns militares da Brigada realizasen unha primeira visita de recoñecemento, e limparon a fondo con produtos específicos o interior e o exterior das instalacións

Neste centro penal, ata o momento, non se detectou ningún positivo, pero solicitouse a intervención dos militares para realizar tarefas de desinfección a modo preventivo, para, desta forma, evitar posibles contagios. 

A Compañía NBQ da Brilat aumentou nas últimas horas as súas capacidades coa agregación de persoal e equipo do Rexemento NBQ 'Valencia' 1 e a Unidade de Servizos 'Cid Campeador' de Burgos e este mércores inaugurou con esta limpeza na Lama as tarefas asignadas dentro da operación 'Finisterre'. 

A Orde de Operacións 'Finisterre' pretende a desinfección de 55 localizacións na provincia de Pontevedra.

Por outra banda, o Exército de Terra, a través do seu Mando Compoñente Terrestre, no ámbito da Operación Balmis, desprega unidades da Brilat este mércores para realizar patrullas de recoñecemento e seguridade en Ourense, a cidade de Pontevedra, Soutomaior e Salceda de Caselas, así como en Valladolid e as localidades asturianas de Oviedo, Xixón e Pravia.

A Brilat, dentro das Forzas Armadas, púxose ao servizo do Goberno do Estado para ser utilizada nesta situación de alerta e ten como principal obxectivo o apoio á poboación na loita contra a pandemia do COVID-19, en estreita colaboración con Administracións Publicas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Institucións do Estado.