VÍDEO.- Os fogos iluminan un ceo nocturno anubrado para dicir adeus ás Festas

Pontevedra
17 de agosto 2020

Moi pouco público achegábase durante a noite deste domingo 16 á avenida de Montero Ríos para ver a última tirada de bombas de palenque nestas Festas da Peregrina onde a diario se realizaron lanzamentos "sorpresa" en distintos puntos da cidade

Tirada final de foguetes artificiais nas Festas da Peregrina 2020

Na medianoite deste domingo 16, cando os ceos sobre Pontevedra atopábanse ateigados de nubes que deixaban precipitacións intermitentes, os fogos de artificio iluminaron a cidade para despedir a Semana Grande das Festas da Peregrina 2020.

Nesta ocasión, o lanzamento das sonoras bombas de palenque realizábase desde a avenida de Montero Ríos baixo estritas medidas de seguridade, coa presenza de patrullas da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Pontevedra.

O escaso público que se achegou para ver esta tradicional cita de fin de festa buscaba acubillo da chuvia nos arredores do edificio da Deputación de Pontevedra. A tirada durou aproximadamente oito minutos.

Este ano durante toda a semana das Festas da Peregrina, debido á situación excepcional derivada da crise sanitaria pola pandemia, o goberno local decidía realizar lanzamentos "sorpresa" a diario en distintos puntos da cidade.

Arquivado en