O 27 de decembro, Nieves Cabo Vidal, usuaria da residencia Porta do Camiño de Santiago, converteuse na primeira vacinada de Galicia fronte á covid-19. Este domingo, 21 días despois, foi a primeira en recibir a segunda dose, dando así comezo á segunda rolda de vacinación nas residencias.
O equipo de enfermería do Servizo Galego de Saúde vacinou ás oito e vinte da mañá a esta muller de 82 anos e con ela estreou Galicia a segunda fase de vacinación que agora se irá ampliando ao conxunto das residencias de maiores.
A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán sinalou que se estima finalizar esta fase a primeira semana de febreiro.
Tamén destacou que o plan posto en marcha pola Xunta de Galicia posibilitaría asumir a vacinación dun maior número de cidadáns se se dispuxese de máis vacinas.