VÍDEO.- O cura de Campo Lameiro pide axuda aos Reis Magos, Peppa Pig e os Minion para loitar contra o coronavirus

Umia
07 de maio 2020

Carlos Fermín Santiago protagoniza un vídeo divulgativo para lembrar as medidas de prevención individual para evitar contaxios no que contacta, vía videochamada, con Melchor, Gaspar e Baltasar; Scooby Doo; o cangrexo Sebastian, amigo da serea Arial; Dora a Exploradora e Peppa Pig; e o Minion Kevin 

Vídeo divulgativo do cura de Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

Carlos Fermín Santiago Iglesias, cura párroco de Campo Lameiro, limpa a fondo a súa casa e, de repente, atopa cunhas pequenas estatuas de Melchor, Gaspar e Baltasar que lle fan lembrarse dos Reis Magos e de como están a pasar o confinamento polo coronavirus.

Non tarda en contactar con eles para preguntarllo directamente, vía videochamada, e, de paso, aproveita para preguntarlles se teñen luvas, máscaras e todo o material de protección individual necesario para evitar o contaxio do coronavirus. Como lles faltan ás máscaras, envíalle unhas e lémbralles que, para manter as distancias de seguridade, unha boa referencia e ter en conta que deben separarse o mesmo espazo que mide a bufanda do Campo Lameiro CF

Este é o comezo dun vídeo divulgativo realizado polo Concello de Campo Lameiro e protagonizado polo propio cura para lembrar as medidas de prevención individual a adoptar fronte ao coronavirus. Trátase dunha peza moi divertida na que Fermín Santiago vai contactando con diversas personaxes que lle son ben coñecidas a pequenos e maiores para lembrarlles como se deben comportar para frear os contaxios

Con Scooby Doo contacta mentres fai deporte coa equipación do Campo Lameiro CF; co cangrexo Sebastian, amigo da serea Ariel, mentres lava as mans a fondo; con Dora a Exploradora e Peppa Pig mentres traballan na horta coa súa máscara posta; e con Kevin, dos Minion, mentres atrapa o coronavirus. A través de conversas con todos eles, lembra as medidas a adoptar. 

Este vídeo divulgativo pretende concienciar ás familias da importancia de estar alerta e de seguir mantendo os protocolos de hixiene e distanciamento social como durante o proceso de confinamento estrito agora que se van suavizando as medidas coa desescalada e, cun ton divertido e desenfadado logra chamar a atención de adultos e nenos. 

Segundo explica o alcalde, Carlos Costa Domínguez, a intención do Concello con esta montaxe audiovisual é visibilizar a importancia da implicación de toda a poboación nos labores preventivos. Este obxectivo lógrase grazas á implicación do cura, ao que agradece a súa colaboración, así como a dos Bonecos da Panorama e dos profesionais que gravaron as imaxes e fixeron a montaxe.

O vídeo está publicado no Facebook oficial do Concello de Campo Lameiro e en poucas horas recibiu  máis de 3.500 visitas.