VÍDEO.- Explota un barco nas inmediacións do porto de Pedras Negras

O Salnés
02 de agosto 2018
Actualizado: 19:17

No barco había nese momento catro tripulantes, un matrimonio e os seus dous fillos. Cando o barco empezou a arder, tiráronse á auga e foron rescatados por unha embarcación do Servizo Municipal de Protección Civil do Grove, que evacuou á tripulación ata o peirao de Pedras Negras

Explota un barco nas inmediacións do porto de Pedras Negras PontevedraViva

Os servizos de emerxencias mobilizáronse este xoves ante a explosión dunha embarcación de recreo nas inmediacións do porto de Pedras Negras, en San Vicente do Mar, no Grove

Fontes da Garda Civil indicaron que no barco había nese momento catro tripulantes, un matrimonio e os seus dous fillos. Cando o barco empezou a arder, tiráronse á auga e foron rescatados por unha embarcación do Servizo Municipal de Protección Civil do Grove, que evacuou á tripulación ata o peirao de Pedras Negras.

Unha vez en terra, os catro tripulantes foron atendidas polo persoal do 061-Urxencias Sanitarias. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, ningunha das persoas rescatadas tivo que ser trasladada a un centro médico

Segundo indicou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, varias persoas particulares alertáronos ás 13.10 horas de que había unha embarcación ardendo e de que, en principio, non había constancia de persoas afectadas. 

O 112 alertou a efectivos sanitarios do 061 e aos bombeiros do Salnés e Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, unha patrulleira do servizo marítimo da Garda Civil con sede na zona colaborar nas tarefas de extinción do lume e tamén foron mobilizados efectivos da Policía Local e de Protección Civil do Grove e de Sanxenxo.

O incendio provocou unha densa nube de fume negro visible desde distintos puntos do Grove. A Garda Civil e os efectivos de Protección Civil de Sanxenxo sufocaron o lume, que deixou a embarcación calcinada por completo. Os restos foron trasladados ao peirao de Pedras Negras.

Este incidente prodúcese nove días despois da explosión e posterior incendio rexistrado nun catamarán con 52 persoas a bordo que facía o servizo entre a illa da Toxa e o porto do Grove, no mesmo municipio. O suceso foi de maior gravidade, ao deixar 38 feridos, dous deles con queimaduras moi graves.