VÍDEO.- Contra os incendios, concentración cidadá ao berro de "Non máis lumes"

Pontevedra
18 de agosto 2016

Ducias de persoas concentráronse na praza da Peregrina este xoves convocados pola Asociación pola Defensa da Ría para reclamar unha nova política forestal con intervencións nos montes galegos que poidan evitar os incendios

Concentración contra os incendios forestais Diego Torrado

Ante os incendios forestais da última semana en Galicia, a Asociación pola Defensa da Ría convocaba á cidadanía para participar da concentración que se desenvolvía na tarde deste xoves na praza da Peregrina tras a pancarta de "Non máis lumes". Ducias de persoas asistiron á cita coa presenza de brigadistas, que levaban a súa roupa de traballo e carteis indicando a precariedade laboral de Seaga, a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos.

Desde este colectivo ecoloxista denúnciase que o monte galego é un "polvorín" que parece estar á espera dunha man que prenda a mecha destrutiva.

Por este motivo, na concentración reclaman da Xunta de Galicia políticas de prevención cunha nova política forestal, que contemple as medidas encamiñadas a cambiar a situación dos montes. Queren que se desenvolvan programas de rexeneración dos montes queimados para evitar a perda de chan e a incidencia negativa sobre as augas dos ríos e das rías polas cinzas que se arrastrarán cando cheguen as choivas.

Ao mesmo tempo sinalan que faltan medios para poder afrontar a extinción dos lumes ao reducirse o persoal das brigadas e ao existir unha descoordinación do traballo, segundo os responsables da Asociación pola Defensa da Ría.

Entre outros colectivos, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra apoiou este acto de protesta incidindo na gravidade dos danos ocasionados polos incendios na contorna de O Salgueiral, Pontesampaio, Xeve ou Lérez dentro do municipio de Pontevedra.