VÍDEO.- Así están a retirar o material queimado dentro da nave de Pontesa

Pontevedra
20 de novembro 2022

Unha empresa especializada contratada por unha filial do Grupo Nogar traballa en coordinación cos bombeiros do Parque municipal de Pontevedra na retirada das toneladas de cerais que se atopaban no interior. O operativo está a funcionar baixo grandes medidas de seguridade debido á presenza de amianto na cuberta que se veu afectada polo incendio rexistrado o domingo 6 de novembro

Traballos de retirada de materiais no interior da nave de Pontesa Bombeiros do Parque municipal de Pontevedra

Desde este venres, operarios dunha empresa especializada e os bombeiros do Parque municipal de Pontevedra coordínanse nos traballos de retirada das máis de 42.000 toneladas de cereais que se acumulaban no interior da nave de Pontesa, que se incendiou o domingo 6 de novembro.

Desde o Concello de Pontevedra informan de que, do mesmo xeito que durante as semanas anteriores era precisa a presenza dos bombeiros para extinguir as lapas que volvían producirse, agora están a atacar o foco principal do incendio mentres se vai retirando o material. Segundo indican, aparecen novas chemineas debido a que aínda permanecen cereais en combustión no fondo das grandes montañas de gran. Sinalan que aínda a extinción definitiva tardará algúns días en producirse.

As tarefas de retirada realízanse, segundo fontes municipais, coas máximas precaucións e medidas de seguridade debido á presenza de amianto, que se atopaba na cuberta afectada polo incendio. Ao mesmo tempo que unha pa escavadora move os cereais, os bombeiros arrefrían a zona para evitar novos focos de combustión.

 

 

Arquivado en