VIDEO.- As persoas con parálise cerebral reivindican a súa sexualidade

Pontevedra
03 de outubro 2018

Este mércores día 3 de outubro conmemórase o día mundial da parálise cerebral. Este ano o Movemento Aspace reivindica a sexualidade e a afectividade das persoas con parálise cerebral como un dereito máis para vivir unha vida plena

VIDEO.- As persoas con parálise cerebral reivindican a súa sexualidade

Este mércores día 3 de outubro conmemórase o día mundial da parálise cerebral. Este ano o Movemento Aspace reivindica a sexualidade e a afectividade das persoas con parálise cerebral como un dereito máis para vivir unha vida plena.

"A educación sexual non se limita ao erotismo, abarca outros conceptos como a intimidade e ocorre en espazos significativos da vida diaria: vestido e desvestido, duchas, hixiene intima. Sexualidade é coñecernos e aceptarnos e este feito pódeo e debe vivir calquera persoa independentemente da discapacidade e do grao da mesma que teña", aseguran desde o colectivo.

Para dar visibilidade a esta campaña celebrouse por parte de Amencer-Aspace dous actos simultáneos na pontevedresa Praza da Peregrina e na Praza de Galicia, de Vilagarcía.

O acto incluíu un baile da campaña "Non mires a outro lado" e a lectura dun manifesto, no que tamén se fixo fincapé na atención no medio rural como ferramenta de inclusión social, tendo en conta que en España case un millón de persoas con discapacidade viven nesta contorna.

O camiño da reivindicación e a reclamación de dereitos é o camiño iniciado hai moitos anos polo Movemento Aspace e, cada vez máis, esta voz é a das propias persoas con parálise cerebral.