Viaxar a Reino Unido en tempos de pandemia, paso a paso

Pontevedra
14 de marzo 2021

As condicións para viaxar fóra do país a día de hoxe están a presentar moitas dificultades, e se temos pensado ir a Reino Unido resultará aínda máis complicado. O goberno de Boris Johnson está a facer todo o posible para reducir ao mínimo os movementos aéreos, e o ministro asegura que non son tempos para viaxar por turismo, e que deberase facer só en caso de necesidade

Viaxeiros no aeroporto Yong Wang / Pixabay

As condicións para viaxar fóra do país a día de hoxe están a presentar moitas dificultades, e se temos pensado ir a Reino Unido resultará aínda máis complicado. O goberno de Boris Johnson está a facer todo o posible para reducir ao mínimo os movementos aéreos, e o ministro asegura que non son tempos para viaxar por turismo, e que se deberá facer só en caso de necesidade. 

O primeiro paso para poder viaxar ao territorio británico é obter unha acreditación dunha proba PCR ou de antíxenos negativa nas 72 horas previas á hora de chegada a Reino Unido. A proba deberá cumprir con máis dun 97% de especifidade e máis dun 80% de sensibilidade, tal e como indican dende a páxina web do goberno de Reino Unido. É estritamente necesario que o resultado do test sexa un documento oficial asinado pola empresa encargada de facer a proba que, a súa vez, deberá ser allea da seguridade social.

No documento deberán figurar os seguintes datos: nome e apelidos concordes ao documento nacional de identidade (válido para viaxar ata outubro) e/ou pasaporte, data de nacemento ou idade, resultado negativo do test, a data na que a proba foi tomada ou recibida polo provedor da mesma, así como os seus datos de contacto e o tipo de test que se levou a cabo. Os menores de 11 anos estarán exentos de levar algún tipo de areditación ou de facerse o test, entre contadas excepcións especificadas tamén na páxina web. 

Aínda que este non é o único requerimento imposto polo goberno, xa que unha vez asentados no país británico, será preciso facer, polo menos, dous tests máis. O prezo destes tests é de 210 libras, e se realizan no segundo e oitavo día da corentena estándar, que en total é de dez días.

Unha segunda opción é pagar por un test privado co fin de rematar a corentena antes do previsto, o que reduciría o illamento de 10 a 5 días como máximo. En caso de que o test resulte positivo, en ambos os dous casos deberá facerse unha segunda corentena doutros 10 días. As multas para aquelas persoas que non cumpran coas normativas establecidas con respecto á corentena ascenden a 10.000 libras. 

Ademais disto e antes de viaxar é necesario cubrir, nun prazo de 48 horas, o documento Passenger Locator Form. No escrito deberán figurar os datos de corentena dos dez días seguintes á chegada a Gran Bretaña, así como o código da PCR proporcionado pola empresa encargada de realizar os dos dous tests seguintes.

A informaciónactualízase de forma habitual, polo que algúns países como, por exemplo, Portugal se atopan na lista vermella. Isto indica que as persoas residentes neses países terán que facer a corentena nun hotel facilitado polo propio goberno británico, cos gastos a cargo da persoa que viaxe, que rondan as 1.700 libras. Polo momento España non se atopa nesta lista, e o illamento poderá facerse tamén nun domicilio particular, que deberá indicarse no documento. 

Unha vez realizado todo o papeleo, a maior complicación quizais é a de volar, xa que a información deberá estar aprobada e selada pola propia compañía aérea e antes de saír do aeroporto en Inglaterra.

Outro dato a ter en conta é a espera na chegada ao departamento de inmigración no aeroporto de Gran Bretaña, xa que os pasaxeiros se estiveron enfrentando a colas de máis de 8 horas no aeroporto de Heathrow, un dos únicos aeroportos aos que se pode viaxar desde España polo momento.

Heathrow alega que o motivo principal da espera débese a que moitos dos pasaxeiros chegan ao destino sen ter o pack das probas de PCR mercadas, polo que non poden saír do aeroporto ata conseguilas. Por outra banda, as persoas que se viron nesta situación explicaron que só había moi poucos mostradores para atender a un volume de xente considerable, e tamén destacaron as poucas medidas de distancia social dentro do recinto, aspectos que agora están a mellorar.

As fins de semana resultan os días de máis afluencia no aeroporto, aínda que tamén haberá que enfrontarse a unha espera de arredor dunha hora na zona de inmigración durante a semana. Tal e como indicou unha traballadora do aeroporto, "cada día é diferente, aínda que ultimamente a situación mellorou. O problema principal será para as persoas que chegan dos países na lista vermella e que terán que facer corentena en hoteis". 

A súa vez, a páxina web do goberno británico ten publicado paso por paso as medidas a levar a cabo para viaxar ao país, e actualiza a información conforme avanza a situación sanitaria.