Viascón, tamén en alerta por un incendio que supera as 40 hectáreas afectadas

Pontevedra
11 de agosto 2016
Actualizado: 19:17

O lume iniciouse ás 20:20 horas do mércores e segundo as estimacións de Medio Rural ás 18.00 horas deste xoves calcinara polo menos 40 hectáreas. Tamén continúa activo o incendio de Ponte Sampaio e os de Tenorio, Lérez e Caldas seguen controlados pero non extinguidos

Labores de extinción del incendio de Tenorio Cristina Saiz

Cando aínda non se logrou extinguir, aínda que permanece controlado, o incendio forestal declarado o pasado luns en Tenorio, Cotobade volve estar en alerta por outro lume, esta vez en Viascón.

Segundo a información ofrecida pola Consellería do Medio Rural ás 18.00 horas deste xoves, o incendio declarado nesta parroquia permanecía activo e superaba xa as 40 hectáreas afectadas, tras iniciarse ás 20:20 horas da tarde do mércores. No lugar están a traballar catro axentes, sete brigadas, sete motobombas e dúas pas.

Tamén permanece activo o incendio de Ponte Sampaio, que se une aos declarados na localidade próxima de Arcade, e que obrigou a activar o mércores o nivel 2 de alerta pola súa proximidade aos núcleos habitados.

Por outra banda Medio Rural segue dando por controlados os incendios de Tenorio, Lérez e Caldas de Reis, aínda que ningún deles foi declarado como extinguido.

No caso de Tenorio, iniciado o luns, especifícase que das 365 hectáreas afectadas 255 corresponden a zona arborizada e 110 a monte raso, e na súa extinción seguen traballando tres técnicos, 20 axentes, 38 brigadas, 18 motobombas, 7 pas, 15 helicópteros e tres avións. 

No caso de Caldas as hectáreas afectadas polo lume ascenden a 300, todas elas de zona arborizada, mentres en Lérez a estimación descendeu ata as 17 hectáreas.