O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enviou un escrito a responsables de Consumo da Xunta de Galicia para expresar a súa "enérxica protesta" polo "trato inaxeitado" que a compañía Movistar está a lle dedicar aos seus abonados neste municipio "sometidos a reiteradas avarías cuxa resolución se prolongan excesivamente no tempo".
O último episodio ten como prexudicados aos veciños de Viascón que levan unha semana sen internet e sen telefonía fixa sen que desde a compañía telefónica se lles dea unha solución satisfactoria.
O alcalde Jorge Cubela manifestou tamén aos responsables para esta zona da compañía Movistar a súa "total desconformidade" en como estaban a acometer este problema que sofren "de maneira reiterada e recorrente os teléfonos fixos e o servizo da internet en numerosas zonas do municipio que impiden aos veciños e veciñas poder comunicarse a través deste servizo".
Jorge Cubela instou os responsables de Movistar a solucionar "de inmediato" a avaría ou a poñer solucións técnicas intermedias "aínda que sexa desde a provisionalidade" para liquidar un problema que "non é illado e que están a padecer moitos lugares do municipio de maneira cíclica e reiterada".
"Nesta ocasión os afectados son os veciños de Viascón, pero xa pasou cos de Borela e mesmo en Almofrei, Barro de Arén", dixo Cubela.
O alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar "xa alcanzou os límites admisibles" e roga que se faga un "esforzo definitivo" para emendar a avaría canto antes "ou non se descarta que, por parte do Concello, se inicien todas as accións oportunas para esixir responsabilidades ante esta situación".