Viaqua converterá Pontevedra no "escaparate" dun novo modelo de xestión da auga

Pontevedra
20 de setembro 2018

É o reto, expresado polo director xeral de Viaqua, Julio Masid, que se marca a compañía tras a firma do novo contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento. O alcalde de Pontevedra destacou que este servizo dará nos próximos anos un "paso adiante", ofrecendo unha mellora "substancial" na atención dos usuarios.

Sinatura do novo contrato da auga con Viaqua PontevedraViva

Que Pontevedra se converta no "escaparate" para demostrar a outros municipios un novo modelo de xestión "sustentable" da auga. É o reto, expresado polo director xeral de Viaqua, Julio Masid, que se marca a compañía tras a firma do novo contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento.

Para o directivo de Viaqua, seguir xestionando este servizo en Pontevedra durante o próximos vinte anos é a "consecución dun reto", ao asegurar que coas novas tecnoloxías o sector necesita " reinventarse" para manter o seu nivel de calidade. Por iso é polo que destacase o "importante" esforzo económico realizado pola compañía coa oferta presentada.

Julio Masid sinalou que a empresa quere "formar parte" do deseño urbano da cidade e, por iso, o novo contrato inclúe medio milleiro de actuacións para mellorar o servizo.

Pola súa banda, o conselleiro delegado da firma, Ismael Olmedo, defendeu que a fórmula de colaboración público-privada pola que aposta Pontevedra é a modalidade de xestión "máis eficiente", xa que a competencia entre as compañías que se presentaron ao concurso obrigou a que todas elas presentasen as mellores ofertas posibles.

Tras a firma do novo contrato, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que este servizo dará nos próximos anos un "paso adiante", ofrecendo unha mellora "substancial" na atención dos usuarios.

Así, lembrou que Viaqua investirá 65 millóns de euros, durante o próximos tres anos, para completar o saneamento de todo o rural pontevedrés e para que, aproximadamente, dous terzos das parroquias se conecten á rede de abastecemento de auga potable.

Nos próximos días, explicou o edil Raimundo González, haberá un encontro entre os técnicos municipais e a propia empresa para "fixar prioridades" e ir marcando no calendario as obras comprometidas no marco deste contrato. O goberno municipal aposta por priorizar o servizo ao novo Montecelo e ás parroquias sen saneamento.

Fernández Lores destacou, ademais, que o servizo que Viaqua ofrece en Pontevedra é de "alta calidade" e a uns prezos "razoables e competitivos" que converten á auga que se serve na Boa Vila como a " máis barata" das sete grandes cidades galegas.

A este respecto, o novo contrato eliminará o consumo mínimo de auga e, a partir de agora, facturarase pola auga consumida por cada usuario, o que na maioría dos casos supoñerá unha rebaixa na factura que os cidadáns reciben cada dous meses.

Para que entre en vigor este novo sistema de facturación, segundo Raimundo González, haberá que realizar un estudo económico e aprobar unha modificación da actual ordenanza fiscal, que fixe os novos prezos para os usuarios domésticos e empresas. Trátase dun proceso, engadiu, que se prevé completar en "tres ou catro meses".

Arquivado en