Viaqua analizará a auga de Pontevedra nun laboratorio propio e construirá unha minicentral eléctrica no Lérez

Pontevedra
30 de setembro 2018

Son dous dos principais proxectos que Viaqua, que renovou a concesión do servizo de abastecemento e saneamento para o próximos vinte anos, poñerá en marcha a curto prazo, xunto coa ampliación das redes de saneamento -que quedará completada en todo o rural- e de abastecemento de auga

Clientes na oficina de Viaqua (arquivo) Mónica Patxot

Un laboratorio propio, situado no termo municipal de Pontevedra, para realizar a analíticas da auga potable e das augas residuais. É un dos principais proxectos que Viaqua, que renovou a concesión do servizo de abastecemento e saneamento para o próximos vinte anos, poñerá en marcha a curto prazo.

Este centro estará homologado e completamente equipado para realizar este control exhaustivo de calidade, o que segundo a empresa producirá un aforro nos custos destas analíticas e dunha maior operatividade.

O laboratorio estará situado no semisótano da nova nave do servizo de augas que se construirá nos Areás, Mourente. A compañía entende que esta localización garantirá a inmediatez na toma de decisións ante calquera incidencia que arroxen as analíticas.

Este labor completarase cun proxecto de I+D+i encamiñado a buscar as mellores ferramentas e tecnoloxías para levar a cabo o mantemento, conservación e reparación das redes de saneamento e abastecemento, de forma que se coñeza en todo momento calquera problemática que se produza.

Outra das iniciativas máis rechamantes será a construción dunha minicentral hidráulica na ETAP de Lérez para a produción de enerxía eléctrica que, neste caso, aproveitarase para autoconsumo da propia instalación ou para a venda directa á rede. Viaqua confía en que esta minicentral permita un aforro nos custos e unha redución das emisións de CO2.

Estas non serán as únicas melloras que incluirá Viaqua no servizo. No extenso catálogo presentado no concurso público aparece tamén a instalación dun sismógrafo no Pontillón do Castro, para controlar o efecto que as voaduras que se realizan nunha canteira próxima teñen sobre a estrutura da presa. Tamén se fará cargo de todas as fontes públicas do municipio.

Ademais, colocaranse medidores continuos de cloro nos colexios e nos depósitos de auga, haberá un dron para localizar avarías, instalaranse dúas estacións de alerta no Campiño e na cidade para controlar a calidade das augas residuais, reforzarase os sistemas de localización de fugas e o control nos ríos Lérez, Gafos e Rons para detectar posibles verteduras ou se automatizará a rega en novos xardíns e zonas verdes, 

AMPLIACIÓN DAS REDES

En todo caso, os principais investimentos que Viaqua realizará en Pontevedra no marco do novo contrato son as referidas á ampliación das redes de saneamento -que quedará completada en todo o rural- e de abastecemento de auga, que se estenderá polas parroquias máis próximas ao centro urbano.

A empresa prevé obras por valor de 30,23 millóns de euros para a construción de 153 quilómetros de tubaxes para abastecer de auga potable desde a ETAP de Lérez ou o depósito de Castro Senín a lugares das parroquias de Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo, Bora e Tomeza. Ademais, construirase un novo depósito en Valadares (Marcón).

Para completar o saneamento, pola súa banda, destinaranse 25,62 millóns de euros. Con ese diñeiro ampliarase a rede en 90 quilómetros e con 22 puntos de bombeo. As principais obras serán en Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Alba, Bora, Campañó, Cerponzóns e Marcón, pero haberá actuacións tamén en Lérez, Lourizán, Salcedo e Tomeza.

Outros 2,17 millóns permitirán, entre outras cuestións, renovar os servizos na rúa Echegaray, impermeabilizar a ETAP de Lérez ou mellorar o bombeo de auga a Monte Porreiro.

Arquivado en