Culpable de dar morte a navalladas ao marido da que fora a súa parella de forma intermitente e de facelo, ademais, con aleivosía e asañamento. Este é o veredicto ditado este venres polo xurado que desde o pasado luns xulgou o coñecido como crime de Ponte Caldelas na Audiencia de Pontevedra. Tras nove horas de deliberación, concluíu que Marcos Vidal acabou coa vida de Manuel Rivas sen darlle a posibilidade de defenderse e que lle deu"más puñaladas de las necesarias para causar más dolor".
En base ao veredicto do xurado, o fiscal do caso considera que Marcos Vidal é autor dun delito de asasinato no que concorren as circunstancias agravantes de aleivosía e asañamento e as atenuantes de confesión e dilacións indebidas e a pedir que sexa condenado a 20 anos de prisión, xusto a mesma pena que xa mantiña desde o principio.
Os avogados das dúas acusacións particulares, con todo, elevaron esa petición a 23 anos e o avogado defensor de Marcos Vidal cre que o seu cliente debe ser condenado a dez anos e un día.
Tras escoitar o veredicto do xurado, tanto o avogado defensor de Marcos como o avogado da acusación particular que representa á familia do falecido pediu á maxistrada da Sección Cuarta da Audiencia Provincial que agora deberá ditar sentenza que deduza testemuño pola declaración de Sandra Martínez Araújo, viúva do falecido, durante o xuízo.
O avogado do acusado cre que cometeu un delito de falso testemuño porque volveu dicir durante o xuízo que Marcos Vidal cometeu contra ela un delito de malos tratos por uns feitos que xa foron xulgados e polos que foi absolto.
No caso do avogado da acusación particular, pide que se deduza testemuño pola súa posible participación nun delito de asasinato, ao considerar que no xuízo demostrouse que puido ter certa participación nos feitos dos que Marcos foi declarado culpable. Sandra Martínez xa estivo investigada por estes feitos no pasado, pero a causa arquivouse, de modo que este avogado pide ao tribunal da Sección Cuarta que reabra a causa arquivada provisionalmente. No caso de que o tribunal non vexa a súa posible participación nun delito de asasinato, pide que se deduza testemuño por un delito de falso testemuño.
O xurado encerrouse a deliberar sobre as 11.30 horas da mañá deste venres e ás 20.50 horas o seu portavoz púxose en pé e leu o veredicto, que nos puntos principais reflicte unha decisión unánime do xurado.
Os membros do tribunal popular consideraron probado que o 28 de novembro de 2015 Marcos Vidal dirixiuse ao domicilio de Sandra Martínez Araújo, coa que mantivera "unha relación sentimental de forma intermitente", esperou no descansillo a que saíse o marido dela, entrou con el á vivenda e, cando comprobou que durmira alí e seguía tendo unha relación coa muller, atacouno.
Segundo o xurado, tirouno ao chan, inmobilizoulle o ombreiro dereito e asestoulle numerosas puñaladas cunha navalla "co propósito de acabar coa súa vida", sendo tres delas mortais. A continuación, segundo consideran probado e forma unánime, chamou a Sandra Martínez, fíxolle unha foto a Manuel e mandoulla.
O xurado non foi unánime á hora de terminar que o ataque foi sorpresivo e inesperado, senón que neste punto obtívose unha maioría de 8 a un. Si Foron unánimes os xurados á hora de terminar que o atacou cunha navalla e con abuso de superioridade e tamén que lle deu máis puñaladas das necesarias.
O xurado tamén considera probado que o acusado confesou e que neste procedemento xudicial producíronse dilacións indebidas.