Das instalacións de Príncipe Felipe non sae xa ningún biorresiduo. Nin restos de poda nin refugallos de alimentos acaban no cubo do lixo. Todo reaprovéitase para a produción de compost. Este exemplo de economía circular permitiu que as hortas da cidade infantil funcionen xa a pleno rendemento con este abono natural.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou que as verduras, hortalizas e herbas aromáticas que se cultivan en Príncipe Felipe son "absolutamente ecolóxicas", xa que no seu proceso non se empregan produtos químicos de ningún tipo e crecen "exclusivamente " a base do compost que se produce na cidade infantil.
Entre os produtos que se están a cultivar en Príncipe Felipe están os repolos da horta da gardería e 47 tipos de hortalizas, legumes, froitas e herbas aromáticas da horta do Carlos Oroza -das que hoxe se mostraron a rúcula, o apio, rabaniños pequenos, allos tenros, grelos, cenorias mini, salvia, loureiro, romeo ou perexil rizado-.
Todas estas últimas son de utilización común na oferta gastronómica no restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, que están abertos ao público. Aínda non hai dispoñibilidade de chícharos, nabicol, hortalizas chinesas, cebolas, porros, coles de Bruxelas, lombardas mini, espinacas, repolos, rubarbos, pepinos, morotes, fisalis, amoras, framboesas, grosellas, maracuiá, así como flores comestibles, debido á tempada.
Con respecto ao plan de compostaxe que impulsa o goberno provincial, o plan Revitaliza, Mosquera tamén explicou que unha trintena de concellos da provincia adheríronse a este programa, ao remate do segundo prazo.
Participan os concellos de Baiona, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Catoira, Cuntis, O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Oia, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Porriño, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Bueu, Cangas e Moaña, estes tres últimos como mancomunidade.
Esta adhesión supón aceptar o compromiso de que nun prazo de catro anos "cando menos" o 75% dos biorresiduos que se xeran en cada un destes municipios non se enviará a Sogama e serán reutilizados en proceso de reciclaxe e compostaxe.
Grazas a este compromiso ambiental, a Deputación calcula que unha vez estea implantado a rede provincial de compostaxe, os concellos de Pontevedra producirán un 55,56% menos do CO2 vinculado ao tratamento do lixo.
Citando un estudo técnico, Mosquera explicou que o actual sistema de Sogama xera 261,165 quilos de CO2 por habitante e ano na atmosfera, mentres que a compostaxe permitirá reducir esa cantidade ata os 116,54 quilos.
Así, cos composteiros comunitarios instalados xa pola Deputación na provincia, o aforro na emisión de CO2 alcanza os 1.242.000 quilos anuais.