Verducido chama á mobilización contra o peche de Primaria na súa escola unitaria en plena pandemia

Pontevedra
22 de xullo 2020

Será este venres 24 de xullo ás 20.00 horas nas propias instalacións educativas. Critican a decisión de pechar unha aula e as formas de Educación, pois que xa sabían en maio o número de nenos matriculados para o novo curso e, con todo, esperaron a xullo para " levar a cabo unha manobra desapiadada contra u centro educativo e as súas familias"

Instalacións da Escola de Educación Infantil (EEI) de Verducido Mónica Patxot

A ameaza de peche parece que xa se cronificou na escola unitaria de Verducido. As familias con escolares no centro reciben periodicamente malas noticias que ameazan a propia supervivencia do centro e agora, en pleno mes de xullo, e en plena pandemia do coronavirus, recibiron un duro golpe. A Consellería de Educación comunicoulles o peche da unidade de Primaria

Á vista desta decisión de Educación, as familias e, en xeral, toda a cidadanía de Verducido decidiron convocar unha concentración de protesta contra o peche e en defensa da súa escola. Será este venres 24 de xullo ás 20.00 horas nas propias instalacións educativas. 

Os convocantes lembran ás persoas que pensen asistir a necesidade de que leven máscaras e respecten as distancias de seguridade esixidas para evitar a propación da Covid-19. 

A concentración busca manifestar o rexeitamento da cidadanía á decisión do peche e ás formas da Consellería de Educación para executalo, pois critican que xa sabían en maio o número de nenos matriculados para o novo curso e, con todo, esperaron a xullo para " levar a cabo unha manobra desapiadada contra o centro educativo e as súas familias". 

Os convocantes sosteñen que non poden permitir que se peche a aula de Primaria, xa que "sería a condena da nosa escola", o paso previo para o peche de toda a unitaria. 

Respecto diso, defenden que as escolas rurais son "imprescindibles" na educación da infancia actual e tamén botan en cara a Educación que opte polo peche da unidade de Primaria nestes tempos da Covid-19 e cando as autoridades educativas aconsellan reducir grupos de escolares nos centros. 

Ademais, lembran que o Goberno central "deu cartos ás comunidades autónomas para isto"