Veciños do Grove mobilízanse para visibilizar un abandono das administracións co municipio

O Salnés
26 de agosto 2024

A pesar de ser unha referencia turística, veciños de varias parroquias comezaron unha campaña de firmas para instar as administracións a que asuman as súas competencias e frear o abandono que consideran está a producirse

Arenal no concello do Grove Concello de O Grove

Veciños das parroquias do municipio do Grove comezaron unha campaña de recollida de firmas para frear e reverter o que consideran vén sendo desde hai xa tempo un abandono de funcións das administracións.

Un abandono que está a afectar a un amplísimo número de aspectos que enumeran de forma detallada e que repercuten, estiman, non só no turismo do concello senón tamén na vida diaria dos veciños.

Nesa listaxe que fan pública sinalan: beiravías, beirarrúas e rotondas sen limpar, sinalizar e iluminar. Árbores que continúan sen retirar desde que foron derrubados polos temporais. Maleza invadindo paseos. Treinta farois sen luz "e as que teñen é insuficiente, facendo os paseos intransitables porque quedan en penumbra absoluta". Carril bici inutilizable pola deformación ocasionada polas raíces de árbores e invasión de maleza.

As queixas tamén afectan as praias, onde detectaron accesos deteriorados e perigosos para os usuarios, escasa limpeza e carencia de papeleiras ou contedores e igualmente carencia de postos de socorro onde anteriormente si os había. Circunstancia que fan extensible aos lavapiés.

En relación aos areais mecos tamén denuncian a ausencia de vixilancia para cumprir a normativa, como sucede coa presenza de cans en praias onde non está permitida.

Dúas cuestións máis que engaden é un servizo de recollida de lixo deficitario, que se agrava na tempada estival e falta de regulación e control no aparcamento de autocaravanas.

Nestas queixas veciñais fan constar as súas responsabilidades ao Concello do Grove na medida que competan as carencias e deficiencias sinaladas e igualmente para que naquelas que exceden as competencias municipais, sexa a administración local a que inste á administración competente a que as asuma e resolva.