Veciños de Verducido piden a retirada dos lombos na estrada do Pontillón do Castro

Pontevedra
20 de xuño 2017

Un grupo de veciños da parroquia de Verducido iniciou unha recollida de firmas contra a gran cantidade "totalmente desproporcionada e innecesaria" de lombos que se instalaron na estrada provincial EP-0011, desde Gatomorto ata o encoro de Pontillón do Castro

Sinal de badén Circula Seguro

Un grupo de veciños da parroquia de Verducido iniciou unha recollida de firmas contra a gran cantidade "totalmente desproporcionada e innecesaria" de lombos que se instalaron na estrada provincial EP-0011, desde Gatomorto ata o encoro de Pontillón do Castro.

Os residentes na zona afirman estar en desacordo con esta medida e coas formas coas que a Deputación adoptou esta medida de seguridade, sen consultala previamente con eles.

Para este mércores ás 21.30 horas convocouse unha asemblea no Pavillón de Verducido para falar desta situación.

Entre outros argumentos os veciños desconformes coa presenza destes lombos apuntan que moitos deles están colocados nunha parte desta vía na que a última sinalización de velocidade é de 60 qm/h e estes resaltos pola súa forma, altura e lonxitude non poden ser superados sen producir danos ou desgastes nos vehículos a mais de 30. Ademais, algúns deles están situados en zonas de liña descontinua con adiantamento permitido.