Veciños de Ponte Sampaio denuncian o "abandono" da zona do antigo campo de fútbol da Xunqueira

Pontevedra
10 de maio 2022

A asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 critica que o  Concello de Pontevedra tivo "présa" por derrubar o palco do campo da festa e os baños, pero logo non traballou no acondicionamento da zona nin fixo realidade o anuncio de que faría unha plantación de árbores e unha zona axardinada en primeira liña de praia

Baños da praia fluvial de Ponte Sampaio Pontevedraviva

A asociación de veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 denunciou este martes o "abandono" en que se atopan os terreos do antigo campo de fútbol da Xunqueira desta parroquia tras a derriba das vellas instalacións coa construción do novo.

A Xunta Directiva da entidade manifesta o seu "malestar" pola situación e critica que o  Concello de Pontevedra tivo "présa" por derrubar o palco do campo da festa e os baños, pero logo non traballou no acondicionamento da zona nin fixo realidade o anuncio de que faría unha plantación de árbores e unha zona axardinada en primeira liña de praia.

Esta entidade veciñal tamén lembra que é necesario o acondicionamento con saburra dos restos do terreo para aparcamento habilitado na Xunqueira, pois, cada vez que chove, fórmanse unhas piscinas de auga.

Ante esta situación, esixe a dotación de area na zona da ampliación da mesma tendo en conta que "agora queda pequena".

Tamén demandan a instalación duns baños "decentes". O  Concello instalou o verán pasado uns aseos portátiles, pero a entidade considera que eran "terceiromundistas" e piden uns novos que, ademais, estean adaptados ás persoas con discapacidade, para que poidan acceder en cadeiras de rodas. 

Piden, ademais, medidas de seguridade como unha liña de protección para evitar que os coches aparquen case encima da praia e en relación coa tapa dun pozo que está pegado ao lavadoiro no parque infantil, sobre o que adoitan saltar nenos e adultos.

Sobre o parque infantil, o colectivo que preside Ramón Agulla Bará tamén reclaman unha actuación municipal. Así, sinalan que se quedou pequeno e ten pezas soltas. Lembran que xa o ano pasado representantes municipais acudiron a visitalo, pero non tomaron medidas.