Veciños de Monte Porreiro, funcionarios e bombeiros únense para denunciar a "falta de diálogo" do goberno municipal

Pontevedra
22 de novembro 2021

O deste luns foi un pleno 'quente' para o goberno municipal. Ata o pleno da corporación municipal achegáronse tres colectivos que denuncian a "falta de diálogo" do goberno: veciños de Monte Porreiro, funcionarios do Concello e bombeiros

Protestas de veciños de Monte Porreiro, bombeiros e funcionarios municipais ante o pleno Mónica Patxot

O deste luns foi un pleno 'quente' para o goberno municipal. Ata o pleno da corporación municipal achegáronse tres colectivos que denuncian a "falta de diálogo" do goberno: veciños de Monte Porreiro, funcionarios do Concello e bombeiros.

Todos eles concentráronse ante as portas do Teatro Principal para facer visibles -e audibles- as súas reivindicacións e, a continuación, asistiron á sesión desde o patio de butacas, con frecuentes aplausos ás intervencións da oposición e apupos ao executivo municipal.

Baixo o lema "máis negociación e menos imposición", os delegados da xunta de persoal do Concello denunciaron a "forma de facer as cousas" do executivo municipal que, segundo o portavoz sindical Héctor Santaló, está baseada en adoptar decisións de maneira unilateral.

Santaló lamentou a conduta "contumaz e reiterada" do goberno de "non ter en conta" ás agrupacións sociais e, en nome de todo o colectivo de funcionarios, defendeu a "emenda á totalidade" que os sindicatos impulsan a xestión municipal do persoal.

A este respecto, censuran a revisión de cuestións "que sempre eran pacíficas" como a concesión dos permisos, a vulneración "sistemática" do convenio e a negativa para negociar un novo ou que se deixou "non caixón" un acordo que incluía melloras salariais e a revisión da función dos traballadores municipais.

A estes delegados sumáronse os bombeiros de Pontevedra, que denunciaron a falta de persoal no parque e que, a pesar da sobrecarga de traballo, "nos quieren imponer cinco guardias a mayores al año y horas extras que hay que realizar de manera forzosa".

"Estamos quedando bajo mínimos muchas veces", sinalou Miguel Ángel Rivas (UGT). Os traballadores piden que haxa dous reténs mínimos de garda por servizo porque "somos 38 bomberos, pueden reorganizar lo que quieran que la plantilla sigue siendo insuficiente".

Pola súa banda, os veciños de Monte Porreiro acudiron ao pleno dentro da rolda de mobilizacións que terá o seu punto álxido o vindeiro sábado, cunha manifestación a pé desde o barrio ata Michelena 30, sede municipal, a partir das once da mañá.

Carlos Diéguez, presidente da asociación de veciños O Mirador, denunciou que o investimento dun millón de euros para Monte Porreiro desaparecese "porque non se lles deixou facer o que pretendían facer", diñeiro que esixen que se destine a melloras no barrio.

Reivindicou que se necesita o asfaltado integral de rúas e non os "parcheados" que se están acometendo, o arranxo das beirarrúas ou a mellora da iluminación pública, entre outras actuacións, como a reordenación do tráfico para "quitar coches que non veñen ao barrio".

Así, reclaman que se desdobre a rúa Francia para que os tráficos de paso "non crucen polo centro da urbanización" e confían en que o Concello "recapacite" e retome as negociacións cos veciños para abordar a necesaria rehabilitación do barrio.