Veciños da Santiña alertan do colapso do vial polo peche dun carril en Domingo Fontán

Pontevedra
14 de novembro 2019

Este camiño, dun só carril, estreito, con fochancas e pouca iluminación, é o itinerario escollido pola maioría dos condutores que se dirixen a Lérez procedentes da rúa Martín Códax ou a Ponte das Cabras e quedan taponados no semáforo do cruzamento con Juan Bautista Andrade

Atascos na rúa A Santiña

O corte ao tráfico rodado dun carril na rúa Domingo Fontán, que obriga aos coches procedentes da rotonda da ponte das Correntes a desviarse á rúa Martín Códax, está a provocar un aumento do tráfico na rúa da Santiña que está a xerar molestiar e malestar entre os veciños desta zona. "O venres desde as seis da tarde estaba todo o camiño colapsado", denuncia unha veciña do lugar. 

As obras de mellora das canalizacións que se están levando a cabo na contorna da gasolineira do Burgo, obriga a cortar o tráfico nesta zona durante varias semanas. Co peche, os condutores que se dirixen cara a Lérez procedentes do nó de bombeiros só teñen dous posibles itinerarios. Circular pola avenida de Uruguai ata a Avenida de Compostela ou tomar a rúa da Santiña desde a rúa Martín Códax ou a ponte das cabras.

Segundo os residentes, a maioría dos turismos escollen esta segunda opción, o que sumado ao semáforo do cruzamento con Juan Bautista Andrade, fronte ao estadio de Pasarón, "provoca un tapón", relata unha das afectadas.

As aglomeracións son constantes neste vial a última hora da tarde. "A partir das sete e media empeza xa a haber atascos, pero o que ocorre os venres é esaxerado", lamentan os veciños, que a semana pasada chegaron a alertar á Policía Local para deixar constancia deste suceso. As retencións non afectan só a este estreito camiño, sen beirarrúas nin boa iluminación, tamén se producen en Domingo Fontán en sentido de saída da cidade.

Tamén están descontentos os residentes deste barrio coa resposta do Concello ás queixas polos problemas de tráfico. O responsable de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo un encontro con veciños para explicarlle os cambios de tráfico que terán lugar no barrio despois da peonalización da ponte do Burgo, co cambio de sentido da Avenida da Coruña como principal novidade.

"Non nos queda moi claro se nos beneficiará", admite unha das veciñas, que teme que a reforma carrexe supresión de prazas de aparcamento, o que xerará maiores dificultades aos residentes debido a que na zona escasean as prazas de garaxe.

O estado da rúa é outro dos temas que preocupan aos veciños. O aumento do tráfico provoca constantes afundimentos no firme e roturas de tubaxes, feito polo que o Concello xa prohibiu a circulación de camións de gran tamaño pola zona. Esixen os veciños que se limite a circulación ou se adecúe a zona porque non hai beirarrúas, a iluminación é insuficiente e agora mesmo a vía compártena peóns, moitos menores entre eles, e coches.

Outro momento crítico no tráfico deste "camiño rural", como o cualifican algúns dos residentes, prodúcese nas mañás dos sábados pola numerosa afluencia de familias ao supermercado. "O aparcadoiro énchese e moitos vehículos quedan na zona esperando a que se baleira provocando colapsos, se habilitasen un illote, o resto de coches poderían seguir circulando con normalidade", propón unha veciña. 

A apertura dunha saída para residentes no próximo camiño da Gándara é outra das medidas que os cidadans cren que podería funcionar como solución ao colapso.