Unha variedade de propostas para gozar o Outono Gastronómico no turismo rural de Galicia

Pontevedra
17 de outubro 2024

Ata o 15 de decembro ofrécese a posibilidade de gozar dunha saborosa gastronomía facendo unha escapada en parella, cos amigos, en familia ou regalándonos un tempo para gozar en solitario

18 Outono Gastronómico en Turismo Rural Turismo de Galicia

Hai un mes comezaba o 'Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024', a proposta da Xunta de Galicia para impulsar o turismo rural fóra de temporada.

Nesta 18º edición participan 77 casas rurais nas catro provincias, que ofrecen paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas.

Ata o 15 de decembro (agás na fin de semana do 1 ao 3 de novembro e do 6 ao 8 de decembro) ofrécese a posibilidade de gozar dunha saborosa gastronomía facendo unha escapada en parella, cos amigos, en familia ou regalándonos un tempo para gozar en solitario. 

As casas rurais participantes ofertarán dous menús distintos, exclusivamente concibidos para esta ocasión. 

Casal dos Celenis en Caldas de Reis participa en Outono Gastronómico

A variedade de propostas van dende o Menú Outono Gastronómico cun custo de 37,50€/persoa ata a posibilidade de completalo cunha estadía nunha casa de turismo rural.

A opción que inclúe pernoita na casa rural elixida máis oferta gastronómica é o Paquete Outono Gastronómico, que se ofrece por 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre.

Outra posibilidade é a Fin de Semana Outono Gastronómico por 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre.

Casal de Folgueiras en Meis participa en Outono Gastronómico

Para os grupos familiares ofértase a Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico por 310€/dous adultos con un neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Como novidade, na edición deste 2024 do Outono Gastronómico, 31 dos establecementos de turismo rural participantes ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van dende paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. 

A Casa de Larache en Vilboa participa en Outono Gastronómico

Por provincias, A Coruña conta con 24 establecementos participantes, Lugo, con 23, e Ourense e Pontevedra con 15 establecementos cada unha.

Toda esta información e outra relativa ao Outono Gastronómico en Turismo Rural pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran, ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.