O punto de realización de test PCR sen necesidade de cita previa que se puxo en marcha este sábado no Hospital Provincial resultou todo un éxito de participación, con persoas agardando antes mesmo da apertura da iniciativa. Como resultado desa elevada demanda, foron moitos os cidadáns que tiveron que realizar varias horas de cola para poder facer a proba.
"Deberían ofrecer esta opción permanente", sinalaron moitas das persoas que se achegaron ata o aparcamento lateral do Hospital Provincial de Pontevedra para buscar a tranquilidade de ter unha proba diagnóstica negativa antes de manter contactos sociais. Consideran que "se houbera estas probas sempre, poderíamos estar todos máis tranquilos".
Entre as persoas que se achegaron para realizar estas probas eran maioría as familias con menores. Segundo explicaron, sabían de casos de covid-19 nos colexios dos seus fillos e decidiron ir "para estar tranquilos" antes de que os seus fillos socializasen con outras persoas.
Ademais, había persoas que teñen pensado aproveitar a ponte festiva de decembro, a máis longa do ano, para realizar algunha pequena viaxe. "Nós tiñamos pensado realizar un test de antíxenos na farmacia, pero agora optamos por vir aquí porque nos dá máis seguridade", explicaban mentres agardaban a cola.
O punto de realización de test abría este sábado ás 15.30 horas e había xente facendo cola xa desde media hora antes. As persoas que chegaron xusto á hora logo tiveron que agardar arredor de hora e media para poder realizar o test e aqueles que chegaron un pouco máis tarde tiveron esperas que superaron amplamente as dúas horas.
Cando empezaron a realizarse as primeiras probas ás 15.30 horas, a cola de persoas agardando era tan longa que percorría o aparcamento lateral do Provincial, o tramo da rúa Loureiro Crespo situado xusto diante do Hospital Provincial e parte da rúa Cobián Areal.
Dado que tan só había un posto para a realización das probas, as colas de agarda foron longas. O Sergas habilitou un punto para a identificación administrativa da cidadanía e outro para a realización das probas.
Este servizo estará operativo entre este sábado 4 e o mércores 8 de decembro, isto é, durante toda a ponte festiva de decembro, en horario de tarde. En concreto, funcionará de 15:30 a 18:00 horas e de 18:30 a 20:30 horas.
Poderá acudir a efectuarse a PCR calquera persoa, sen necesidade de cita previa, tanto aquelas que teñan unha tarxeta sanitaria do Sergas como os que forman parte de Muface ou outra mutualidade.