Van intensificarse os labores de limpeza no exterior de centros educativos, farmacias, supermercados e centros de saúde

Poio
19 de xaneiro 2021

Na xuntanza que mantiña este martes a comisión de seguimento da covid-19 en Poio co alcalde Luciano Sobral á cabeza decidíase reforzar varios servizos para a veciñanza en materia de limpeza e tamén establecer a atención de forma presencial, só no caso de ter cita previa, nos servizos do Rexistro e Padrón do Concello

Comisión de seguimento da covid-19 en Poio Concello de Poio

Este martes reuníase a comisión de seguimento da covid-19 en Poio, integrada por representantes de varios departamentos municipais deste Concello. Durante este encontro analizouse a situación na que se atopa Poio nesta terceira onda da pandemia para buscar as medidas que se poden adoptar que reforcen as restricións establecidas pola Xunta de Galicia.

Desde hai uns días foron activados xa varios servizos destinados a persoas que se atopan en corentena e que carecen de axuda ou de medios para efectuar xestións imprescindibles. Tamén se está retirando, de maneira periódica, o lixo nas vivendas que contan con persoas infectadas, a través do servizo que exerce o persoal voluntario de Protección Civil.

Tamén, segundo informa o goberno local, en coordinación coa Policía Local, vai atenderse na adquisición de medicinas ou de alimentos nos casos de persoas en corentena que carecen de medios telemáticos para realizar as compras. Servizos Sociais tamén se atopa pendente das persoas maiores que viven soas, coa intención de ofrecer axuda no caso de que o precisen.

As instalacións deportivas municipais atoparanse pechadas durante 10 días, co consecuente, cesamento de actividade das Escolas Deportivas. Tamén se decretou o peche da Biblioteca Municipal, situada en Campelo. Só manterase operativo o servizo de préstamo de libros, a través de cita previa. A medida aplicarase ata finais de xaneiro, do mesmo xeito que o peche da aula de lectura do Centro Cultural Xaime Illa. Tamén se suspenden as actividades en toda a rede de locais e espazos municipais do Concello.

A comisión decidiu reforzar os traballos de limpeza e desinfección nas zonas exteriores dos centros educativos e as inmediacións das farmacias, supermercados e centros de saúde, ademais daquelas zonas nas que a incidencia da enfermidade sexa maior. A empresa responsable da recollida de lixo recibirá a orde de aumentar os traballos de desinfección dos contedores, que serán revisados para comprobar que funcionan correctamente.

Ademais, só vai atenderse presencialmente se se solicita cita previa para os servizos municipais de Rexistro e Padrón do  Concello. Deberá solicitarse a través do teléfono 986.770.001, ou a través da sede electrónica.

Con estas medidas, o goberno local afirma que tenta axudar a limitar as saídas dos domicilios para evitar contaxios. Recomendan ás persoas residentes que, sempre que poidan, realicen as súas actividades desde os domicilios evitando acudir  presencialmente aos sitios.