Valoran en 250 euros os danos causados a un neno ao que lle caeu enriba unha portería en Monte Porreiro

Pontevedra
05 de outubro 2024

O pai deste rapaz, David Carmuega, presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial con motivo dos danos sufridos polo seu fillo e pedía unha indemnización de 866,46 euros. O sucedido está en análise por parte da Valedora do Pobo

Situación do parque e as pistas deportivas de Monte Porreiro David Carmuega

249, 94 euros. É a valoración que a compañía de seguros contratada polo Concello de Pontevedra realiza dos danos sufridos por un neno que en setembro de 2023 resultou ferido cando unha das porterías das pistas de fútbol de Monte Porreiro caeu sobre el e lle atrapou o pé

O pai deste rapaz, David Carmuega, presentou unha reclamación de responsabilidade patrimonial con motivo dos danos sufridos polo seu fillo e pedía unha indemnización de 866,46 euros. 

Despois desta reclamación, o Servizo de Patrimonio do Concello tramitou o correspondente procedemento e, no marco do mesmo, a aseguradora realizou unha valoración das lesións na que conclúe que os danos se corresponden con sete días básicos de prexuízos. 

Antes de redactar a proposta de resolución, deuse ao pai un prazo de alegacións, que xa presentou da man do seu avogado. Quéixase, iso si, en conversa con este xornal de que "a min danme dez días para presentar alegacións cando eles tardaron case un ano en responderme"

Agora, o Concello analizará os informes pedidos a distintos servizos municipais e resolverá o expediente. 

Entre eses informes figura un da Policía Local de Pontevedra no que os axentes que acudiron ás pistas o día dos feitos recollen o "mal estado de ámbalas porterías do campo de fútbol sito na rúa Dinamarca". Os axentes consideran "axeitado" proceder á reparación ou substitución.

Outro informe de Parques e Xardíns sinala que a rotura da peza "puido deberse ao deterioro do interior da sección do tubo onde non era visible o deterioro do metal, provocando a perda de rixidez e desmontaxe do elemento". 

Sinala tamén que nesa zona "realizáronse diversas soldaduras, reparacións reiteradas para tratar de manter as instalacións, tanto nos valados como en canastras e porterías durante os últimos anos".

Neste mesmo documento sinalan que esta instalación, como o parque de xogos anexo, están pendentes dunha renovación integral, que "quedou pendente pola falta de consignación presupostaria para esta finalidade".

Despois do sucedido, o Concello retirou as porterías para proceder á súa reparación. Fontes oficiais do Concello confirmaron esta semana que o proceso para repoñelas segue o seu curso, pero non hai unha data. A intención municipal é que sexa "no menor tempo posíbel".

Esta reclamación é tan só unha das accións deste pai, que comezou unha campaña para pedir ao Concello solucións para mellorar o estado de conservación das pistas deportivas de Monte Porreiro e chegou ata aValedora do Pobo, nunha queixa aínda en tramitación.

Así, a Valedora demandou unha serie de información ao Concello e, ante a falta de resposta, fixo un novo requerimento. 

Este pai quere seguir na súa loita e ten en mente preparar unha recollida de sinaturas para facer a máis cidadáns partícipes das súas peticións. O que busca é poñer o foco sobre o estado das pistas deportivas, que seguen sen porterías e están "bastante mal", con bancos rotos e iluminación "escasa".

Ademais, amosa o seu malestar porque nun dos informes que figura no procedemento, o Servizo de Deportes sostén que "descoñece da existencia dunha suposta instalación deportiva na rúa Dinamarca, así como do equipamento nela instalado. En ningún momento se tivo constancia por parte deste servizo da súa compra e posterior instalación".