Valdecorvos, camiño de converterse no barrio das 500 vivendas protexidas

Pontevedra
10 de xullo 2024

As 74 vivendas en construción e as 104 en trámite sumaranse a outras 132 de promoción pública entregadas en 2015 e 2016 e a 48 ou 50 que se farán nunha nova parcela cedida polo Concello. Haberá que unir outras 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada

Barrio de Valdecorvos Mónica Patxot

O barrio de Valdecorvos chegará a ter máis de 500 vivendas con algún tipo de protección pública. Ese é o obxectivo que se marca o goberno autonómico e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que se alcanzará unha vez que estean finalizados todos os proxectos que hai en marcha

Rueda asistiu ao comezo das obras da nova promoción de 74 vivendas de protección pública na rúa Prado Novo e lembrou a Xunta de Galicia xa licitou o contrato para a redacción dos proxectos de dúas novas promocións que permitirán engadir outras 104 vivendas de promoción pública.

Estas dúas parcelas, que son propiedade de Xestur Pontevedra, serán cedidas ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que será o encargado de executar esta actuación. Un dos edificios terá 56 vivendas e o outro, 48.

Estas vivendas en construción ou en trámite sumaranse a outras 132 vivendas de promoción pública construídas pola Xunta de Galicia e entregadas aos seus adxudicatarios a finais de 2015 e a mediados de 2016.

O IGVS xa solicitou ao Concello novas parcelas para planificar máis vivenda de promoción pública na cidade e, tras analizar as sete propostas remitidas polo goberno municipal, aceptáronse tres, unha delas en Valdecorvos. As outras dúas están en Tafisa e en Poza dos Canos, na Parda. 

No caso de Valdecorvos, confían en que "nos próximos meses" se confirme a cesión e esa nova promoción supoñerá entre 48 e 50 novas vivendas de promoción pública que se sumarán ao cómputo global. 

Desta forma, serán 358 vivendas de promoción pública, ás que habería que sumar 157 de protección autonómica promovidas pola iniciativa privada.

Así, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, detallou que son 157 vivendas promovidas por cooperativistas ou por promotores privados, pero que tamén serán vivenda protexida, "suxeita tamén a prezo máximo de renda e venda". 

Son tres cooperativas que están a construír na actualidade, unha delas para vivendas tipo cohousing, "un modelo que coidamos e esperemos que funcione aquí en Galicia tamén". 

Martínez Allegue sinalou que aínda non se pode detallar cantas vivendas proxectaranse nas parcelas de Tafisa e A Parda, pois aínda están "consensuando" co Concello e está pendente o informe urbanístico que determine o número de vivendas. Esas vivendas son de licenza municipal directa, é dicir, urbano consolidado.