Vaipolorío limpa a ponte do Couto para reivindicala

Pontevedra
06 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os integrantes da agrupación ecoloxista pontevedresa estiveron acompañados por Calros Solla, filólogo, etnógrafo e estudoso destas construcións históricas. Esta estrutura de pedra situada no río Tomeza, tamén coñecido como Gafos, sitúase sobre dúas bóvedas

O etnógrafo Calros Solla con integrantes de Vaipolorío Vaipolorío

Aproveitando a tregua que a choiva deixou durante a mañá deste sábado, varios integrantes da agrupación ecoloxista Vaipolorío desprazábanse ata a ponte medieval do Couto, situada no río Tomeza, tamén coñecido como Gafos.

Alí dedicáronse a limpar de maneira reivindicativa esta estrutura co obxectivo de poñela en valor para o resto da cidadanía.

Con eles colaboraba nesta ocasión o escritor, filólogo e etnógrafo Calros Solla, especialista nestas construcións históricas do patrimonio galego. 

Solla destaca a estrutura de pedra da Ponte do Couto situada sobre as dúas bóvedas. Esta obra logrou superar as acometidas da auga invernais malia a súa escasa altura. Unha das bóvedas consta dunha cruz-calvario. 

O colectivo Vaipolorío, por outra banda, segue denunciando que neste punto se amorea numeroso lixo tanto no leito do río como nas ribeiras, malia o desmantelamento de parte do asentamento chabolista que se atopaba nas inmediacións.