Vaipolorío esmérase no coidado do muíño e a presa do río Toxal

Vilaboa
06 de xuño 2021

Os voluntarios da Asociación Vaipolorío veñen de realizar tarefas de conservación e mantemento do patrimonio material do muíño e da presa do río Toxal, en Vilaboa

Vaipolorío realizou tarefas de limpeza no río Toxal Vaipolorío

Os voluntarios da Asociación Vaipolorío veñen de realizar tarefas de conservación e mantemento do patrimonio material do muíño e da presa do río Toxal, en Vilaboa.

Que a xornada do sábado coincidira co Día Mundial do Medio Ambiente non mudou o traballo que fai este colectivo esmerándose no coidado de elementos patrimoniais tan valiosos como son este muiño e a súa presa. "Nada que celebrar", comentaron ao respecto.

Segundo recolle o libro "Andar primeiro de río", de Calros Solla, un toxal é o "lugar onde medran os toxos; toxeira" e lle dá nome ao río dos Gafos nunha das súas denominacións, río Toxal.

O Muíño do Toxal está situado na beira esquerda do río dos Gafos, é un muíño de cubo, cunha moa, muros de cachotería e cuberta a unha auga. Ao seu carón hai unha pontella que serve de pasadoiro sobre o río.

Vaipolorío adoita facer un seguemento a este elemento etnográfico tradicional para garantir a súa conservación.