Vaipolorío conmemora o Día Mundial dos Humedais cunha visita guiada ás Brañas do río Gafos

Pontevedra
29 de xaneiro 2025

Coincidindo tamén coa Candeloria, data "onde casan os paxaros", o colectivo ecoloxista organiza esta actividade a partir das 11.00 horas deste domingo 2 de febreiro

Humedal das Brañas no río dos Gafos
Humedal das Brañas no río dos Gafos Vaipolorío

Este domingo 2 de febreiro, coincidindo co Día Mundial dos Humedais e coa Candeloria, data na que, segundo a tradición popular, "casan os paxaros", o colectivo ecoloxista Vaipolorío organiza unha visita guiada ás brañas do río Tomeza, tamén coñecido como Gafos.

A saída está programada para as 11:00 horas e terá unha duración aproximada de dúas horas.

A actividade contará coa participación de Silvia Giménez, integrante de Vaipolorío, quen explicará a riqueza biolóxica deste espazo natural.

Para asistir, é necesario confirmar a participación chamando ao teléfono 676 842 942.

O Día Mundial dos Humedais celébrase cada 2 de febreiro desde a sinatura do Convenio de Ramsar en 1971, un tratado internacional que busca protexer e poñer en valor estes ecosistemas de enorme importancia ambiental.

Con esta iniciativa, Vaipolorío súmase, un ano máis, á conmemoración da data, reivindicando a necesidade de preservar estes espazos naturais.

Historicamente, os humedais foron vistos como terreos improdutivos ou mesmo perigosos. Xa na mitoloxía grega, a lagoa de Estínfalo ou a Hidra de Lerna aparecen asociadas a relatos de heroísmo, sen que se valore a importancia ecolóxica destes espazos.

En Galicia, as lendas sobre pozas encantadas tamén reflicten esta visión. A propia Poza da Moura do Gafos conta cunha historia envolta en misterio, recollida no portal Galicia Encantada.

A destrución dos humedais foi unha constante ao longo da historia, moitas veces en favor do desenvolvemento urbanístico ou industrial.

A Xunqueira de Alba, en Pontevedra, foi durante anos obxecto de proxectos que ameazaban a súa integridade, ata que finalmente foi recuperada e posta en valor polo Concello de Pontevedra e os comuneiros de Lérez.

A importancia dos humedais é incuestionable, indican desde Vaipolorío. Estes ecosistemas albergan unha gran biodiversidade e xogan un papel clave no equilibrio ambiental. Segundo o investigador Pérez Alberti, moito do plancto que alimenta os bancos marisqueiros das rías galegas procede destes espazos húmidos.

O río Cocho-Toxal-Tomeza-Gafos conserva dous importantes humedais de terreo baixo, descritos polo historiador Calros Solla como boedos, chaguazos ou chagorzas. Un deles, "A Fonteiriña", atópase no tramo do río Toxal en Bértola, mentres que o outro, "As Brañas", sitúase no tramo do río Tomeza, en Salcedo.