Vacinación completa ou proba negativa para acceder ao interior da hostalería dos concellos en nivel máximo e alto

Pontevedra
21 de xullo 2021

"Non podemos castigar de novo a hostalaría", insistiu Feijóo, que anunciou que nos municipios que se atopen en nivel máximo e alto haberá unha medida  "semellante ao que fan outros países, como Franca e Portugal". Tamén poderán acceder ao interior as persoas que  acediten pasar a enfermidade 

Clientes nunha terraza de Pontevedra

O avance imparable da quinta onda da pandemia levou á Xunta de Galicia a adoptar medidas adicionais para tentar frear a expansión da covid-19, que este mércores suma en Galicia12.889 casos activos e 174 pacientes hospitalizados, 21 deles en UCI. Un delas ten que ver coa hostalería. Dado que o Goberno galego non quere pechala, decidiu impoñer máis restricións para garantir que sexa un lugar seguro.

"Non podemos castigar de novo a hostalaría", insistiu este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou que nos municipios que se atopen en nivel máximo e alto haberá requisitos extra para acceder, unha medida " semellante ao que fan outros países, como Francia e Portugal".

En concreto, a partir do sábado 24 de xullo pedirase que, para acceder ao interior dos locais de hostalería dos municipios en nivel alto e máximo, os clientes presenten unha proba  PCR ou de  antígenos negativa nas últimas 72 horas, que acrediten pasar a enfermidade ou que teñan un certificado de vacinación de pauta completa.

Estas medidas tamén se aplicarán para as celebracións de vodas, comuñóns ou outro tipo de eventos nestes municipios de nivel alto e máximo. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés son Sanxenxo, O Grove, Meaño e Cambados en nivel máximo e Pontevedra, A  Illa, Vilagarcía, Vilanova , Marín e Poio en nivel alto. 

Feijóo matizou que os menores de 12 anos estarán exentos destas medidas.

Ademais, nestes niveis, o lecer nocturno estará pechado e para acceder ás terrazas dos locais non haberá medidas, pero si cambio de capacidades. As ocupacións quedan limitadas en nivel máximo a 30 % en interior e 50 en exterior e ao 50% en interior e exterior en nivel alto. 

O presidente galego insistiu en que as limitacións non afectan os concertos, que se realizan xa cun protocolo específico, con aforo limitado e con todos os asistentes sentados, en exterior e con máscara. 

Ademais, decidiuse limitar as reunións en toda Galicia. De momento non contan con autorización xudicial, de modo que non se sabe cando se aplicarán as medidas, pero si que as reunións de persoas non conviventes quedarán limitadas a un máximo de seis persoas en interior e dez en exterior e será dun máximo de dous grupos de convivencia.

Ademais, quedarán totalmente prohibidas as reunións de non conviventes durante a madrugada. Entre a unha e as seis da madrugada non poderá haber reunións nos  concellos en niveis máximo e alto e no resto de Galicia a limitación será entre as tres -hora do peche do lecer nocturno- e as seis da madrugada.

Esta prohibición afecta a domicilios e á rúa e un dos obxectivos desta medida é limitar a interacción en contextos como os botellóns. "Non podemos seguir vendo imaxes de botellóns", explicou Feijóo.