Usuarios do Hospital Provincial alertan de aglomeracións no espazo para realizar analíticas

Pontevedra
25 de xaneiro 2021

Sinalan que foi necesario agardar unha hora e vinte minutos para ser atendidos nun espazo onde se xuntaban máis de corenta persoas sen que se mantiveran as distancias recomendadas. Segundo denuncian, este espazo carece das condicións para acoller un número elevado de pacientes

Espazo para a realización de analíticas no Hospital Provincial na mañá deste luns 25 de xaneiro Imaxe cedida

Espazo inadecuado para a espera, falta de persoal, ausencia de indicativos para entradas e saídas. Así describen a situación usuarios do Hospital Provincial que este luns acudían ata as instalacións para realizarse unha analítica.

Segundo denuncian estes pacientes, víronse obrigados a esperar unha hora e vinte minutos ata ser atendidos. Afirman que só había un profesional sanitario para atender urxencias e outro para o resto de pacientes, malia que o espazo conta con seis estancias para atender ás persoas que acoden a realizar a súa análise de sangue.

A choiva no exterior provocaba que todas aquelas persoas que esperaban a súa quenda agardasen no interior deste espazo situado no vestíbulo da entrada posterior das instalacións hospitalarias. Chegaron a sumarse máis de corenta persoas nunha sala que carece das condicións para acoller a tanta xente coas condicións establecidas polas autoridades sanitarias para evitar os  contagios por covid-19.

Indican que, a pesar dos sinais no chan alertando da necesidade de manter a distancia de seguridade, as dimensións do espazo impiden ese distanciamento. Tamén denuncian que os corredores para entrar ou saír á zona de extracción se atopan sen sinalizar e finalmente numerosos usuarios teñen que cruzarse ao pasar co risco de que poida chegar a producirse algún contaxio por covid-19.