O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este mércores xunto a David Sim, Ola Gustafsson e Teresa Taboas na terceira sesión, moderada polo xornalista Fernando González 'Gonzo', de Urbtopías, un foro de debate e reflexión sobre o futuro dos espazos urbanos que naceu da necesidade de falar do que aconteceu na Boa Vila nunha clave local que permita tamén coñecer outras experiencias. O faladoiro no que participaron xirou arredor do tema "A cidade suave. Un contorno a escala humana".
David Sim é un líder de pensamento na planificación da habitabilidade urbana e da sustentabilidade, el foi quen dixo que "Pontevedra non é só unha cidade, é un modo de vida, e pode ser tamén un movemento".
Despois dunha prolífica carreira como profesor de arquitectura na Universidade de Lund en Suecia, David Sim pasou 17 anos na coñecida práctica de planificación urbana Gehl, sobre todo como director creativo, vendo medrar o proxecto ata converterse nunha marca mundial con oficinas en Copenhague, Nova York e San Francisco.
David Sim conta cunha impresionante carteira de clientes, liderando persoalmente plans, estratexias urbanas e traballos de deseño en todo o mundo, dende as Highlands de Escocia ata os lagos da Patagonia, dende os suburbios de Melbourne ata o centro de Toquio, dende atopar novas formas de construír tendas IKEA ata reconstruír Christchurch despois do devastador terremoto de 2011.
No caso de Pontevedra David Sim asegurou que "non podo ensinaros a facer unha cidade mellor porque xa o facedes moi ben" pero si que apuntou que habería que "implantar o modelo urbano en zonas máis afastadas do centro da cidade" e, sobre todo "integrar o río na cidade. O río esta esquecido e hai toda unha zona aí que ten moito potencial e que se pode mellorar".
Co seu concepto dunha "cidade suave ou branda", Sim refírese á comodidade e confianza que senten as persoas, cando o ambiente é adecuado e existe unha "sensación de barrio".
"Non é só desenvolvemento urbano, é saúde pública, é democracia, cando distintas persoas comparten un mesmo espazo", dixo David Sim que atopa a resposta no uso que se lle dá ás rúas que deberían estar deseñadas para conectar ás persoas entre elas e co lugar, algo de "un sentido común que moitas cidades esqueceron". Son propostas sinxelas como instalar bancos, beirarrúas máis anchas, máis arborado, máis negocios locais, máis parques, entre outras posibilidades.
"Nun momento de polarización política compartir o mesmo espazo cos outros é extremadamente importante", engade "a democracia non é só votar, tamén é estar sentado nun banco na rúa con outra xente".
David Sim avoga por esa idea da cidade dos 15 minutos, onde case todo está dispoñible a menos dun cuarto de hora camiñando. Reitera que a proximidade é un valor fundamental nas cidades que permite á xente vivir de forma local nos seus barrios "esa é tamén unha solución para a economía", apuntou.
Pola súa banda, o arquitecto e urbanista Ola Gustafsson sinalou que "Pontevedra ten o seu propio modelo" polo que "non se pode facer exactamente o mesmo en diferentes partes do mundo pero pódese aprender uns dos outros e compartir experiencias para seguir avanzando".
Ola Gustafsson tamén ten unha ampla experiencia en proxectos urbanísticos complexos en todo o mundo que poñen o foco na dimensión humana da planificación, tanto na análise como na estratexia, así como no deseño e nos procesos colaborativos.
Este ano fundou xunto a David Sim e Nina Otrén, Softer, consultora que une a súa experiencia e paixón polo desenvolvemento urbano, os procesos colaborativos e a cocreación, co obxectivo de elaborar estratexias e deseños altamente profesionais para pequenos e grandes proxectos urbanos.
"NINGUNHA CONQUISTA É IRREVERSIBLE"
Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aproveitou a ocasión para incidir en que "Pontevedra é un referente que debe continuar avanzando"e para iso "debemos escoitar e aprender de todo o mundo", asegurando que "este é un proxecto dinámico, que non chegou ao seu final".
O alcalde advertiu que "hai risco, desde o meu punto de vista, de volta atrás. Hai nubarróns no horizonte, hai persoas que están defendendo e traballando nese sentido. Hai experiencias de cidades que foron referentes e logo retrocederon. Este modelo de Pontevedra é moi equilibrado, holístico e integral. Hai xente que aínda non entende que o tráfico pesado non debe pasar pola cidade, ou que a diminución do tráfico provoca barrios máis inseguros, como é o caso de Campolongo. Tamén hai xente que quere meter os autobuses pola Michelena".
O alcalde considera que "sería unha traxedia que Pontevedra volvese atrás, pois sería algo con resonancia en todo o mundo, xa que se queira, ou non se queira, estamos a ser unha referencia a nivel mundial. Unha involución do modelo non ten pes nin cabeza" e rematou a súa intervención con esta frase "ningunha conquista é irreversible".