Uns 30.000 escolares participaron nas actividades da Deputación para divulgar a compostaxe

Pontevedra
19 de febreiro 2020

A Deputación e o Ceida asinaron este mércores o quinto convenio para traballar de maneira lúdica nos centros de ensino a importancia de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable

A Deputación e o Ceida asinaron o seu quinto convenio de colaboración Cristina Saiz

Preto de 30.000 escolares da provincia participaron xa nas actividades e obradoiros que a Deputación de Pontevedra e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) realizan ao abeiro do Plan Revitaliza para divulgar a compostaxe e concienciar da necesidade de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable.

Este mércores a Deputación e o Ceida asinaron o seu quinto convenio de colaboración para realizar estas actividades, que foron "in crescendo" dende a súa implantación.

No actual curso 2019-2020 o número de solicitudes de actividades triplicouse con respecto ao anterior xa a día de hoxe, polo que as expectativas están totalmente cubertas e existe unha grande satisfacción na Deputación pola implicación da comunidade escolar coa compostaxe.

O vicepresidente César Mosquera, de feito, cualificou o programa de divulgación da compostaxe do Ceida no ensino de Infantil, Primaria, e Secundaria como un dos máis exitosos dos que dependen do Plan Revitaliza. Sinalou que "estamos francamente contentos co funcionamento" porque coa celebración das xornadas e actividades nos centros de ensino "se cumple algo fundamental que é a formación e sensibilización dos pequenos", que van ter a oportunidade de ter unha educación con respecto aos residuos "novidosa, alternativa e que corresponde cos parámetros máis esixentes e avanzados do respecto do medio ambiente e da normativa".

O nacionalista destacou que o Ceida recibe unha subvención para realizar este traballo de 150.000 euros, pero cualificouna como un "custe moi baixo" tendo en conta os resultados e a potencia do seu alcance.

Formalmente, o convenio de colaboración foi asinado polo deputado Uxío Benítez, quen dende inicio de ano é o delegado do Plan Revitaliza pola carga de traballo asumida por Mosquera noutras áreas. O vicepresidente, en calquera caso, indicou que el seguirá facendo a supervisión e marcando as normas xerais, se ben estará máis afastado do traballo diario.

Pola súa banda, o director do Ceida Carlos Vales, incidiu na calidade das actividades e obradoiros realizados sobre compostaxe, cualificados nas enquisas como "moi boas" en máis dun 70% dos casos. "A alta demanda que temos para esta oferta educativa é tamén o éxito do programa da Deputación, que ten unha aposta institucional evidente".

DELEGACIÓN CANARIA

O vicepresidente Mosquera tamén informou que a primeiros do mes de marzo a Deputación recibirá a visita dunha delegación de preto de 30 representantes do goberno autónomo canario, de varios cabildos e concellos insulares para coñecer ‘in situ’ o Plan Revitaliza.

Entre outros, estarán en Pontevedra (cun amplo programa de traballo) o conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación, José Antonio Valbuena; o viceconselleiro de Loita contra o cambio climático, Miguel Ángel Pérez; o director xeral José Domingo Fernández; o xefe de gabinete José Luis Figueroa; e o asesor Ryco Bejarano García; ademais de representantes do Cabildo de Palma, dos concellos de Breña Baja, Barlovento, Garafía, Los Llanos de Aridane, Puntagorda, Puntallana, Tirajafe, e Mazo, xunto con outras entidades e entidades públicas e privadas.

Esta nova recepción, dixo o vicepresidente pontevedrés, é unha mostra máis do interese do plan provincial polo mundo adiante, para sinalar que o feito de que en moitas localidades se estea a mirar para Pontevedra supón "un acicate" para facelo o mellor posible.