Universitarias pontevedresas pese ao franquismo

Pontevedra
27 de febreiro 2015

Baixo o título 'Universitarias na Pontevedra do franquismo', a investigadora da Universidade de Vigo Victoria Martíns fixo unha radiografía dunha época, o Franquismo, na que o director xeral de Ensino Superior e Medio, José Pemartín, opinaba que "debe alejarse a la mujer de la Universidad, quiero decir, que el sitio de la mujer, a mi juicio, es el hogar"

Victoria Martíns e Carmen Fouces na charla 'Universitarias na Pontevedra do franquismo' Mónica Patxot

"Mi opinión es la de que debe alejarse a la mujer de la Universidad, quiero decir, que el sitio de la mujer, a mi juicio, es el hogar". Nunha etapa histórica na que o responsable directo do acceso da muller ao sistema universitario opinaba a frase que precede resulta doado comprender as dificultades ás que se enfrontaban os que, malia todo, querían ampliar a súa formación. Nestas complicacións afondou este xoves na Casa das Campás de Pontevedra a investigadora da Universidade de Vigo Victoria Martíns.

Baixo o título 'Universitarias na Pontevedra do franquismo', Martíns fixo unha radiografía dunha época, o Franquismo, na que o director xeral de Ensino Superior e Medio, José Pemartín, continuaba su controvertida frase asegurando que "una orientación cristiana y auténticamente española de la Enseñanza Superior ha de basarse en el supuesto de que solo excepcionalmente debe la mujer orientarse hacia los estudios universitarios".

A pesares das pedras no camino que poñía o réxime e das impostas polas propias familias e polo entorno cercano, houbo quen impuxo o seu desexo de saber pese a todo e chegou ás aulas universitarias. O seu perfil aparece recollido no estudo da Universidade de Vigo 'Compromiso e Igualdade. Mulleres Universitarias galegas durante o franquismo', do que é coautora Victoria Martíns e no que se recollen as testemuñas e historias de vida de 25 mulleres galegas.

A ex concelleira socialista Teresa Casal García -presente na sala-, Ada Paz Andrade e Esther Fernández Fernández son tres desas 25 galegas, tres pontevedresas que serviron de exemplo a Victoria Martíns para trasladar o xeito no que a partir do Golpe de 1936 se ralentizou o acceso da muller á Universidade, un acceso que dende sempre estivo limitado, pero que no ano 1910 recibira un pulo ao establecerse por decreto, por primeira vez na historia, a entrada libre para o xénero feminino ao ensino superior.

A historia das mulleres foi sempre invisibilizada e máis nesta época, na que aínda a día de hoxe son un colectivo "descoñecido e ignorado" que protagoniza aínda moi poucos estudos, de aí a importancia de estudos coma o de Victoria Martíns, que colabora na recuperación da memoria histórica do colectivo. Persegue o mesmo obxectivo que o programa no que se enmarcou a súa charla na Casa das Campás, ⿿A memoria das mulleres⿿, que dirixe o concelleiro de Patrimonio de Pontevedra, Luis Bará.

A concelleira de Benestar Social de Ponteveda, Carmen Fouces, presentadora do acto, contribuiu a alimentar o imaxinario dos presentes con experiencias vitais de mulleres universitarias nunha época na que todos se empeñaban en que non accederán ao coñecemento. Ela, licenciada en Farmacia, viviu na súa propia pel un sistema universitario no que dos 204 alumnos da súa clase, 200 eran mulleres, pero no corpo docente tan só había una profesora. "Os cambios sociais son moito máis lentos do que queremos", recolleu.

Victoria Martíns incidiu nos impedimentos destas universitarias nunha época na que o franquismo era totalmente reacio á súa entrada no ensino superior e na que ás mulleres "durante todo o seu percorrido educativo intentaba modelar coa intención de que asumiran un papel social determinado, afastado do mundo académico e profesional ou, en todo caso, centrado en actividades profesionais adaptadas  ao seu xénero".

María Victoria Martíns Rodríguez é licenciada en Historia pola Universidade Complutense de Madrid e ten un master en Historia Contemporánea pola de Vigo. Docente e investigadora, o seu traballo baséase principalmente na historia da muller durante o franquismo, especialmente na represión e nos ámbitos laboral e de ensino. Nestes campos ten varias publicacións e foi ademais coautora do documental Digna Rabia, unha historia das mulleres galegas baixo o franquismo.