Unión política en repulsa polo triplo crime de Valga: "hai que fulminar a violencia machista da sociedade"

Pontevedra
17 de setembro 2019

Políticos de PSOE, BNG, PP, Podemos e Cidadáns, representantes da Policía Nacional, a Policía Local e a Garda Civil, persoas chegadas do ámbito social e o asociacionismo e de entidades como Amencer-Aspace e cidadáns a título individual déronse cita este martes #ante a Subdelegación do Goberno  

Concentración de repulsa polo triplo crime de Valga ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra PontevedraViva

Políticos de PSOE, BNG, PP, Podemos e Cidadáns, representantes da Policía Nacional, a Policía Local e a Garda Civil, persoas chegadas do ámbito social e o asociacionismo e de entidades como Amencer-Aspace e cidadáns a título individual déronse cita ao mediodía deste martes nas escaleiras da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para lanzar unha mensaxe unitaria e unánime contra a violencia de xénero.

O motivo da cita era a repulsa polo triplo crime de María Elena Jamardo e Sandra e Alba Boquete en Valga este luns, pero a convocatoria serviu, en palabras do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para lanzar "unha mensaxe de que hai que fulminar a violencia machista da sociedade".

Tras gardar cinco minutos de silencio, Losada compareceu acompañado pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o portavoz do PP local, Rafa Domíguez. 

Na concentración non faltaron alcaldes como os de Cuntis, Ponte Caldelas, Vilagarcía de Arousa ou Forcarei, concelleiros de Cidadáns, PP, BNG e PSOE de Pontevedra e o líder galego do PSOE, Gonzalo Caballero. Tampouco faltaron os máximos responsables da Garda Civil e a Policía Nacional na provincia, Simón Venzal e Estíbaliz Palma, respectivamente, e ou a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado.

Nunha mensaxe compartida por todos os presentes, resaltou que é necesario "combater todo tipo de negacionismo" e seguir concienciando á sociedade de que, para axudar na loita contra a violencia de xénero, é preciso denunciar. "Hai que poñer en aviso calquera viso de que pode existir un aspecto da violencia de xénero", pediu, nunha mensaxe que, á vez, era un aviso dirixido a veciños como os de Valga que nas últimas horas indicaron nos medios de comunicación que na relación entre o asasino confeso, José Luis Abet Lafuente, e o seu ex parella e vítima, Sandra Boquete, xa se vía vir que pasaría algo malo. 

"Os veciños que poidan ver ou pensar que existe nalgún lugar a posibilidade de que poida producirse violencia de xero, anímolles a denuncialo. Porque é a forma de combatelo e previlo", engadiu Losada, que lembrou que as Forzas de Seguridade actúan conforme ao que di un xulgado cando aparece unha denuncia, pero "se non hai datos, é complexo previlo".

A tristeza tras o duro crime deixábase notar este martes entre os participantes nunha das concentracións máis numerosas das lembradas ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, así como tamén nas conversas que se foron escoitando en círculos. Todos estaban conmocionados, como a sociedade no seu conxunto, por este triplo crime que o autor confesou cometeu en presenza dos seus fillos de 4 e 7 anos. 

Losada fíxose eco desa tristeza e pediu a unidade de todos para que a sociedade erradique a violencia de xénero. Así, quixo "aproveitar esta momento de dor, de terrible crueldade, para animar á sociedade para combatela", con educación, con información, con políticas de igualdade, pero, sobre todo, cunha loita permanente.

Varios usuarios e responsables de Amencer-Aspace secundaron a concentración de repulsa porque unha das tres vítimas, Alba Boquete Jamardo, era pedagoga na sede desta asociación en Vilagarcía de Arousa.