Unión política en Marín contra o peche da oficina de Abanca en Seixo

Marín
25 de xuño 2021

Os representantes das distintas agrupacións políticas da corporación foron convocados pola alcaldesa María Ramallo a unha Xunta de Portavoces para realizar un escrito conxunto, que se levará a Pleno, para amosar o rexeitamento común ante o anuncio do peche da sucursal bancaria na parroquia máis grande do Concello

Oficina de Abanca en Seixo Concello de Marín

María Ramallo, alcaldesa de Marín, convocaba a unha Xunta de Portavoces os distintos representantes das agrupacións políticas da corporación e este venres mantiñan a reunión coa participación de Manuel Santos, do PP; Manuel Pazos, do PSOE, e Lucía Santos, do BNG. A convocatoria centrábase en tratar o anuncio do peche da sucursal bancaria de Abanca na parroquia de Seixo.

Ata o momento, o Concello realizou varias xestións para evitar este peche a través dun escrito dirixido á dirección da entidade para que "repensasen" a decisión, segundo indicou a alcaldesa aos portavoces dos grupos políticos.

Segundo informan desde o goberno local, Ramallo propuxo aos tres grupos elaborar un escrito que se elevaría a Pleno para que a Corporación marinense mostre a súa oposición a este peche, incluíndo as reivindicacións da plataforma veciñal de Seixo.

A alcaldesa sinalou que os peches están a afectar a outros municipios da provincia como o de Cerdedo-Cotobade e estase estudando a opción de realizar reunións en común que permitan dar forza á reivindicación.

AUDITORIO

María Ramallo tamén informou aos portavoces de que a Xunta de Galicia elevou ao Consello de la Xunta o financiamento de dous millóns de euros para levar a cabo o proxecto do Auditorio de Marín. Esta cantidade supón a metade do orzamento total da obra.

Nos próximos plenos, anunciou María Ramallo, presentaranse avances na tramitación sobre o proxecto cultural, demandado desde hai anos na vila.