Unión do barrio de Altamira para un magosto multicultural con comida caseira e festa

Pontevedra
11 de novembro 2022

O barrio de Altamira atópase en pleno proceso de dinamización despois de que o pasado verán a veciñanza decidira organizarse. Este sábado 12 de novembro a organización convoca e anima a todas as persoas con ganas de xuntanza e festa a participar neste magosto a partir das 16.00 horas

Barrio de Altamira e San Antoniño Mónica Patxot

O barrio de Altamira atópase en pleno proceso de dinamización despois de que o pasado verán a veciñanza decidira organizarse. Este sábado 12 de novembro, como primeira grande actividade para facer barrio, organizarán o seu primeiro magosto multicultural, no que todos os veciños achegarán cartos, comida caseira e bebida para montar unha gran festa de confraternidade. 

A organización convoca e anima a todas as persoas con ganas de xuntanza e festa a participar neste magosto a partir das 16.00 horas e ata as 22.00 horas. Haberá festa na rúa Altamira e nas escaleiras a San Antoniño e Fernando Olmedo.

"Este I Magosto é a proba das ganas de cambio, mellora e apertura que se están a vivir no barrio de Altamira", explican desde a organización. 

Para facelo posible, colabora todo o barrio. O Estudo Culebra organiza un obradoiro de grafite urbana, a Escola de arte Estudo Bonobo colabora coa megafonía e Froitería Sonia, Panadería Xeve, Chorigal e Manseo achegan productos e servizos.

Os veciños e veciñas do barrio son os encargados da comida e bebida, que aseguran que "non faltará". Cada casa colabora cunha achega económica e/ou con comida caseira, que cociñarán nas súas casas e compartirán con todos.

Tamén colaboran coa festa o músico Aladino Barros e o Concello de Pontevedra. 

O Concello ten previsto cortar o tráfico rodado na rúa de Altamira para poder celebrar a festa comodamente e cede para o magosto carpas por se a climatoloxía o require, mesas e bancos. Ademais, encárgase da animación, coa actuación do Grupo musical cultural Os Alegres e xogos tradicionais a cargo de 'Ventos'.

Desde a organización lembran que o 3 de xullo celebrouse a primeira xuntanza veciñal coa finalidade de canalizar as demandas e necesidades que a veciñanza detecta no barrio. Como conclusión, insisten na necesidade dun proxecto de humanización na zona, limpeza e coidado dos espazos públicos e dinamización da vida de barrio.

Estas demandas están a ser trasladadas aos concelleiros de urbanismo e mobilidade e obras e destacan que a colaboración entre a veciñanza de Altamira e o Concello de Pontevedra "está a ser moi boa".