Unión de colectivos e institucións para canalizar a solidariedade tras os incendios en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
02 de novembro 2017

A actividade central das previstas será a Gala do Humor e a Música que terá lugar o vindeiro sábado 18 de novembro, a partir das 20:30 horas, na antiga Discoteca Reyvi . Os protagonistas serán os actores Tacho González, Pepo Suevos, Federico Pérez e Miguel Sincero

Integrantes da coordinadora de colectivos e asociacións 'Ponte Caldelas solidaria' Antón Xil

A vaga de solidariedade xerada en Ponte Caldelas despois dos incendios forestais do pasado 15 de outubro levou á colaboración entre unha coordinadora de colectivos e asociacións agrupados baixo o nome xenérico de 'Ponte Caldelas solidaria' e o Concello. Entre todos colaboran para realizar un amplo abano de actividades para recadar fondos con destino á conta habilitada con Cáritas para os damnificados polos lumes.

A actividade central das previstas será a Gala do Humor e a Música que terá lugar o vindeiro sábado 18 de novembro, a partir das 20:30 horas, na antiga Discoteca Reyvi . Os protagonistas serán os actores Tacho González, Pepo Suevos, Federico Pérez e Miguel Sincero. 

Tamén actuará un elenco de artistas, cantantes e grupos de música da contorna, entre os que están Laranxada de Limón, Mushu, o dúo de Sofía e Sara Cortés, Guillermo Castro, Mari Costa, Os Coribantes, Son das Tabernas, Stock, Sete Cuncas e Anodhor. Máis artistas ofreceron a súa colaboración, pero quedaron fora por falta de tempo. Barállase a súa participación noutra actividade solidaria que se está a programar para o mes de decembro.

A entrada da gala terá un prezo único de 5 euros. Ademais, aquelas persoas que queiran colaborar e non poidan asistir ao evento tamén poderán mercar unha entrada na Fila Cero que se habilitará desde a organización.

Todo o recadado irá a parar á conta aberta por Cáritas e o Concello de Ponte Caldelas (ES98 0238 8290 7107 0061 5659, do Banco Pastor indicando Incendios). Tamén se destinarán aos afectados polos lumes os fondos que se recauden este ano na tradicional cea solidaria de Cáritas.

Grazas á doazón dunha empresa de Cádiz, porase á venda un imán de neveira co logotipo elixido polas asociacións para estas campañas benéficas baixo o título xenérico de 'Ponte Caldelas solidaria' e que poderá adquirirse desde a semana próxima nos establecementos comerciais de Ponte Caldelas colaboradores e a través de internet por 3 euros.

Arquivado en